El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

o rodicio do tempo

Juan R. Jiménez, Curros e "Platero"

CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ   | 15.12.2007 
A- A+

Cada vez que teño na man Platero y yo sempre releo o capítulo XVII, El niño tonto, polo verso de Curros Enríquez que insire neste o mesmo Juan Ramón Jiménez. Deseguido, se teño tempo, collo Aires da miña terra e tamén releo o poema ao que pertencen as devanditas palabras.

Varios estudosos, como Luís Seoane, F. Cadaval, H. Castro Ramos e Xesús Alonso Montero, xa teñen tratado verbo da admiración do escritor andaluz pola obra do noso poeta de Celanova, e unha das probas de que a coñecía ben é, precisamente, o feito de engadir este verso galego no seu Platero y yo. Entre os artigos sobresae Juan Ramón Jiménez y Galicia de Seoane, espallado polas ondas de Galicia Emigrante e logo recolleito no libro Comunicacións mesturadas (Vigo, 1973).

Por se hai alguén que aínda non leu este capítulo ou xa hai tanto tempo que non se lembra do que trata, deseguido reproducímolo enteiro na lingua orixinal, como pago desa liña que Juan Ramón engadiu da nosa na súa obra mestra, e tamén por se a súa lectura lles abre o apetito lector aos que nunca tiveron na man Platero y yo:

"Siempre que volvíamos por la calle de San José estaba el niño tonto a la puerta de su casa, sentado en su sillita, mirando el pasar de los otros. Era uno de esos pobres niños a quienes no llega nunca el don de la palabra ni el regalo de la gracia; niño alegre él y triste de ver; todo para su madre, nada para los demás.

Un día, cuando pasó por la calle blanca aquel mal viento negro, no vi ya al niño en su puerta. Cantaba un pájaro en el solitario umbral, y yo me acordé de Curros, padre más que poeta, que, cuando se quedó sin su niño, le preguntaba por él a la mariposa gallega:

Volvoreta d"aliñas douradas...

Ahora que viene la primavera, pienso en el niño tonto, que desde la calle de San José se fue al cielo. Estará sentado en su sillita, al lado de las rosas únicas, viendo con sus ojos, abiertos otra vez, el dorado pasar de los gloriosos".

Texto curto, pero de grande beleza e enorme sensibilidade, como todos os deste Premio Nobel de Literatura (1956).

O verso de Curros procede do poema "¡Ai!..." do libro Aires da miña terra, composto por mor do pasamento do seu fillo Leopoldo, que viviu dous anos escasos:

"¿Cómo foi?... -eu topábame fora / cando as negras vixigas lle deron; / polo aramio súa nai avisóume / i eu vinme correndo. // ¡Coitadiño! Sintindo os meus pasos / revolvéu cara a min os seus ollos. / Non me víu... e choróu..., ¡ai! xa os tiña / ceguiños de todo. // Non me acordo qué tempo me estiven / sobre o berce de dór debruzado; / sólo sei que me erguín co meu neno / sin vida nos brazos...- // Volvoreta d"aliñas douradas / que te pousas no berce valeiro, / pois por el me perguntas, xa sabes / qué foi do meu neno".

No ano 1965, unha empresa de Lugo editou un fermoso e agora rarísimo almanaque, Platero e mais eu. Homenaxe galego a J. Ramón Jiménez i-a Platero, no que se publican por primeira vez quince capítulos da inmortal obra vertidos ao galego, feita a versión por varios intelectuais e escritores (Otero Pedrayo, S. Martínez-Risco, Celso Emilio Ferreiro, X. Alonso Montero, X. L. Méndez Ferrín, Camilo G. Suárez-Llanos, Ánxel Fole, A. Núñez Domínguez, A. López Casanova, Mª. Xosé Queizán, Antía Cal, Manuel María, Ben-Cho-Shey, Xohana Torres e R. Carballo Calero); con ilustracións tamén de varios artistas (I. Díaz Pardo, Mercedes Ruibal, A. Pérez Bellas, Virxilio, Xulio Maside, M. Colmeiro, Grandío, B. Lourés, M. del Río, Ánxel, Laxeiro, M. Pesqueira e Xohan Ledo). O limiar correu a cargo de Ánxel Fole, Juan Ramón Jiménez, visto por nós.

En particular o capítulo XVII, El niño tonto, traduciuno Xesús Alonso Montero e ilustrouno o artista vigués Agustín Pérez Bellas.