El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

O RODICIO DO TEMPO

Os fornos da Pontenova

CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ   | 16.08.2008 
A- A+

Ao chegar á vila da Pontenova, capital do concello lugués do mesmo nome lindeiro con Asturias, o primeiro que chama a atención son os cinco fornos que se erguen na outra banda do Eo, na aba da montaña, a semellanza de torres medievais, de once metros de altura e catro de diámetro, que defenderon en tempos pasados este estratéxico paso polo río. Ninguén que non estea ao tanto das explotacións mineiras agarda atopar tales construcións neste lugar, únicas agora en Galicia e, felizmente, ben restauradas, pois non só debemos coidar das igrexas e monumentos artísticos, senón tamén de todas as construcións de interese, como estas industriais, no seu día modernos fornos de calcinación.

A poboación debe a súa orixe á minaría, ao poñer en explotación os xacementos de limonita da zona unha sociedade vasca, que se mantivo activa ata o ano 1964, quedando agora como testemuña da desaparecida actividade estas curiosas construcións: o máis antigo ergueuse o ano 1902 con cerámica procedente da vella fábrica de Sargadelos, e os catro restantes entre 1903 e 1905. Tamén foi neste último ano cando entrou en funcionamento o ferrocarril de vía estreita para transportar o mineral e tamén pasaxeiros ata o porto de Ribadeo, a 34 quilómetros, seguindo sempre o curso do río Eo, coa idea de se prolongar ata os xacementos do Bierzo, proxecto nunca levado a termo.

Aquí calcinábase o mineral procedente de varias minas, que só polo que atinxe a este concello (denominado anteriormente de Viloudriz - A Pontenova), entre mediados do século XIX e mediados do XX solicitáronse 190 permisos de explotación, a inmensa maioría de ferro, pero tamén había algúns de cobre, prata, chumbo, zinc e ouro.

A calcinación nestes fornos consiste en eliminarlle ao mineral a auga e o ácido carbónico que contén, converténdose entón o óxido ferroso en férrico. Rematado este primeiro proceso, o mineral transportábase en tren ata o porto de Ribadeo, dende onde en barco ía para os altos fornos vascos.

Esta comarca luguesa conta cunha tradición moi antiga de explotacións mineiras: extraían e beneficiaban o mineral para logo os ferreiros converter o metal en ferramentas e outros moitos útiles (cravos, coitelos, bisagras, fechaduras, rellas para arados, etc.). O primeiro labor facíase nas ferrerías-fundicións, das que a máis importante foi a de Bogo, situada neste concello, da que hai novas dende 1534, data en que promove a construción o fidalgo Pedro de Miranda. Tres anos despois é alugada ao vasco Juan de Belastegui. A actual construción, unha das máis notables deste tipo na Galicia de finais do século XVIII, restaurouse os últimos anos, podendo agora os visitantes admirar o impresionante banzado (a presa da auga para mover a roda do mazo e os barquíns) e saber como funcionaba todo o enxeño.

Ademais estaban os machucos ou mazos pequenos, nos que os ferreiros forxaban o ferro para ferramentas e outros útiles. Do de Xudán, tamén neste mesmo concello, consérvase un plano do ano 1743 no que están representados todos os casetos dos que traballaban nel, pois eran varios, nos que gardaban o carbón e as ferramentas, que seguiron usando ata haberá uns 50 anos, cando o enxeño hidráulico empezou a ser trocado por martinetes eléctricos.

Traballaban por quendas, correspondéndolle a cada un varias horas para darlle a forma bruta ás ferramentas, que logo remataban nas súas forxas.

Os fornos de calcinación, a ferrería de Bogo e os mazos dos ferreiros, constitúen as derradeiras testemuñas da explotación mineira e do traballo do ferro na Pontenova, labor que se mantivo dende a antigüidade ata os nosos días. l