Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O coworking da Pobra impulsa o emprendemento xuvenil con campus vivenciais

Os estudantes do IES Espiñeira de Boiro e do CIFP Coroso de Ribeira participarán nesta iniciativa

Visita dos alumnos a unha sesión de coworking o pasado ano na Pobra

Visita dos alumnos a unha sesión de coworking o pasado ano na Pobra / Cedida

Anxo Bentrón

Anxo Bentrón

A Pobra

O Coworking da Pobra continúa coa súa aposta por fomentar o espírito emprendedor na mocidade da comarca a través dun innovador Campus de Emprendemento. Durante este mes de novembro, estudantes do IES Espiñeira de Boiro e do CIFP Coroso de Ribeira participarán nesta iniciativa que combina charlas, obradoiros e visitas a empresas da comarca.

"Estes campus vivenciais eríxense como unha ferramenta con moito potencial para amosar á mocidade o autoemprego como unha opción de futuro no mundo laboral. Queremos que coñezan exemplos reais de emprendedores locais e os servizos que pon á súa disposición a Administración local para facer realidade as ideas de negocio. De feito, o Coworking da Pobra conta actualmente cunha alta ocupación", sinalou a concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo.

Cada visita adaptarase ao perfil de formación do alumnado partipante para promover un emprendemento consciente, combinando coñecementos prácticos, inspiración e apoio. A primeira xornada terá lugar o 14 de novembro, cando o alumnado de Automoción do CIFP Coroso asistirá a un taller sobre economía circular liderado por Alba Fernández, de Coworking A Maceta (Muros). Ademais, visitarán Chutin's Garage, onde Javier Fanjul, emprendedor asesorado no Coworking da Pobra, lles contará a súa experiencia.

O ciclo medio de Instalacións de Telecomunicacións do IES Espiñeira será o seguinte en participar, cunha sesión o 19 de novembro centrada nas habilidades sociais para emprender. Verónica Rodríguez, de Promove, impartirá un obradoiro sobre estas habilidades, completando cun 'Café con...', no que integrantes da cooperativa kracia compartirán a súa experiencia no sector do marketing dixital.

Dende a súa creación no 2017, o Coworking da Pobra, que se integrou en 2022 na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, conta con dous espazos diferenciados: Emprende, para emprendedores de uso continuo, e Nómades, para usuarios ocasionais.

Tracking Pixel Contents