Outes forma a carpinteiros de ribeira para recuperar o desaparecido barco sancosmeiro
Quince persoas participarán durante dous anos nun proxecto no que aprenderán o oficio e construirán un barco sancosmeiro

O tenente de alcalde de Outes, Anxo Núñez, de pé, terceiro pola dereita, cos alumnos. / Cedida
O primeiro que se lle vén a un á cabeza cando escoita falar dun sancosmeiro (e nunca mellor dito) é un fermoso e tradicional tipo de sombreiro artesán de palla oriundo dun lugar moi concreto: a parroquia de Santo Ourente, en Outes. Pero neste municipio da ría de Muros-Noia considerado o santuario da construción naval en madeira (onde chegou a haber 36 carpinterías de ribeira) bautizouse co mesmo nome un tipo de embarcación, lamentablemente desaparecida.
Agora, aínda que leva dous anos musealizado, o antigo estaleiro de Ciprián volverá ter actividade construtiva despois de 45 anos no marco dun proxecto formativo do Concello de Outes.
"Quince persoas veñen de iniciar un programa no que, durante dous anos, se formarán como carpinteiros de ribeira, ao tempo que construirán un sancosmeiro", explica o alcalde, Manuel González. "Trátase dun proxecto conxunto do Concello e a Asociación Terra de Outes, financiado polo GALP, para protexer e divulgar o patrimonio material e inmaterial da carpintería de ribeira e achegar os coñecementos en carpintería á cidadaníal», engade o rexedor.
O sancosmeiro é un tipo de embarcación á que Gerardo Triñanes (propietario do estaleiro Triñanes de Boiro e membro da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira) dedicou recentemente un libro.
O máis característico deste tipo de barcos era a súa forma, moi ancha para unha maior capacidade. A súa manga era practicamente a metade da súa lonxitude (tiña 8 ou 9 metros de eslora).

Embarcacións sancosmeiras no Peirao do Marqués de Noia no século vinte. / Cedida
«O sancosmeiro nace entre a primeira e a segunda década do século vinte nun contexto social de precariedade extrema. Supuxo a creación de proxectos persoais emancipadores, en especial no caso das mulleres, xa que era moi común que a compañía de transporte marítimo de produtos da horta e outras mercadorías a conformase o matrimonio traballando en conxunto, onde o papel da muller era vital, pasando de traballar a horta para consumo propio e subsistencia a considerala como negocio produtivo e comercial», segundo Gerardo Triñanes.
O sancosmeiro tivo tamén como bote de carga un papel relevante na construción do dique de Noia e da presa de Barrié de la Maza, para o transporte de cemento e outros materiais. Inicialmente propulsábase a remo e a vela, pero chegou a ter motor Ayón, que se fabricaba en Noia.

Gerardo Triñanes xunto á maqueta dun sancosmeiro. / Cedida
Os alumnos construirán no estaleiro de Ciprián un sancosmeiro segundo as técnicas e procesos tradicionais de construción de embarcacións de madeira (elaboración de cadernas, banceado a tope, elaboración de fasquías, tratamentos tradicionais da madeira, etc.). O mestre será Santi Cancelas.
O proceso construtivo e métodos de elaboración seguirán fielmente o proceso construtivo tradicional: realización de empalmes e ensambles en pezas, cravado de pezas, escantillonado de cantos en cadernas e banzos, fasquiado e dobrado de banzos.
A embarcación realizarase en madeira de piñeiro para forros e cubertas e madeiras estruturais para reforzos estruturais: cadernas, quilla, roda…
A réplica da embarcación realizarase cun fin formativo e divulgativo do sancosmeiro como embarcación tradicional de Outes e dos seus métodos construtivos, incluíndo actividades divulgativas e formativas. Coa fin de optimizar a capacidade divulgativa e pedagóxica, a embarcación estará semirrematada para unha mellor comprensión e facilidade de visualización e explicación do proceso construtivo e compoñentes construtivos da mesma.
Suscríbete para seguir leyendo
- De las aulas de Santiago a la graduación en Michigan: la historia de éxito de Carlota Garabato en Estados Unidos
- Buscan figurantes en Santiago para la nueva película de Vaca Films: estos son los requisitos
- La panadería de Santiago que triunfa con su café con flores: 'Estamos vendiendo más flores que pan
- Boiro atesora los restos de un templo de hace catorce siglos, uno de los más antiguos de Galicia
- Sorpresa en Noia: un tendal de setenta metros sobre la ría
- La USC sitúa a tres investigadores entre los jóvenes más destacados de Galicia por sus avances en energía, obesidad y turismo
- El legendario París-Dakar revive en Fontiñas: así es la versión del barrio compostelano
- La SD Compostela logra la ansiada remontada contra el Atlético Arteixo tras sufrir en la prórroga