Amicos converte Barraña no epicentro do xogo inclusivo
Máis de 1.300 persoas participaron no festival da asociación de persoas con discapacidade intelectual

Autoridades e representantes de Amicos na inauguración do festival celebrado en Boiro. / Cedida
Un ano máis, a asociación Amicos conmemorou este martes o Día Internacional das Persoas con Discapacidade co seu tradicional Festiritititi. O pavillón de Barraña de Boiro acolleu a sétima edición deste gran festival da inclusión a través do xogo. O evento reuniu a máis de 1.300 escolares e profesores dun total de 21 centros educativos do Barbanza.
A festa incluía xogos inclusivos, animación, obradoiros e moita música que non se quixeron perder a propia presidenta da asociación, Esther Vidal, e representantes institucionais, como a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade; José Ramón Romero, alcalde de Boiro; e Raúl Treus, concelleiro boirense de Servizos Sociais.

Margarita Hermo, terceira pola esquerda, ao ser recibida en Barraña. / Cedida
O festival da inclusión organizado pola asociación Amicos aséntase como referente integrador na zona do Barbanza nesta sétima edición que acadou o seu récord de participación.
A xornada comezou sobre as 11.00 horas coa chegada ao pavillón de Barraña dos alumnos e profesores dos 21 centros educativos que acompañaron aos integrantes da familia Amicos, tanto persoas con discapacidade intelectual como membros do equipo da entidade, nesta celebración.
Así, participaron centros de Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Lousame, Padrón e Dodro.
Mariana e Carolina foron as encargadas de darlle a benvida aos nenos e nenas, nunha presentación na que estiveron acompañados por Pilar Sampedro, responsable de centros. A continuación, comezou unha festa que contou con moitas actividades lúdicas de xogo inclusivo, como o tres en raia, rompetestas, círculo mortal ou escaleira ao arco da vella, así como obradoiros de purpurina, creación de chaveiros, creación de figuras con globos, baile, expresión a través da arte ou de tatuaxes e espectáculos.
Todo elo conducido polas persoas con discapacidade de Amicos. Asemade, a festa estivo encabezada por un verme xigante formado por globos e foi amenizada polo DJ Suso Jalaiko, que foi o encargado de poñer música ao evento, así como animación para recibir e despedir aos nenos e nenas.
Tampouco se perderon esta festa que busca celebrar a diversidade e promover a integración das persoas con discapacidade a concelleira de Educación e Diversidade de Ribeira, Cruz Rivadulla, as de Servizos Sociais e Xuventude de Lousame e Padrón, Silvia Agrafojo e Mariló Saco, e o presidente e a coordinadora de Cruz Vermella Boiro, Julio García e Natalia Romero.
Tamén asistiron membros de Agadea e representantes de asociacións e partidos políticos locais. Todos eles animáronse a participar no gran xogo central, o Verme tolo, no que cada un dos catro equipos tivo que formar parte dun verme xigante formado por eles e por globos.

O pavillón de Barraña acolleu unha gran festa da inclusión. / Cedida
Esther Vidal, presidenta de Amicos, quixo destacar que "hoxe é un día moi importante para Amicos, posto que celebramos o Día da Discapacidade. Levamos seis anos co Festiritititi e hoxe emocioneime ao entrar pola porta porque vemos que cada vez somos máis persoas. Hoxe fomos máis de 1.300, entre persoas con discapacidade e cativos, e é moi importante que os pequenos vexan que as persoas con discapacidade poden integrarse e ser felices, mediante unha integración real, que é o que se ve aquí".
Tamén tivo unhas palabras de agradecemento "para as persoas, empresas, institucións, voluntarios e todos os que fixeron posible que o Festiritititi sexa un éxito".
Tamén interveu Margarita Hermo, directora de Relacións Internacionais de Jealsa, a principal financiadora da xornada, que quixo destacar que dende a conserveira "estamos felices de estar na sétima edición do Festiritititi, e a verdade é que é un fito contar con vinte colexios, con nenos e nenas de toda a comarca que veñen gozar do festival con toda a ilusión, que o que busca é achegarlle á xuventude a importancia de ser unha sociedade inclusiva para todos e todas".
Hermo destacou que "nestes sete anos foron máis de setenta colexios os que participaron e preto de 6000 nenos, e queremos pensar que eses rapaces e rapazas levaron esta mensaxe de inclusión ás súas familias, aos seus amigos, e que xuntos Amicos e Jealsa, a través do noso programa de RSC We Sea, estamos contribuíndo a crear unha sociedade para todos e todas. Tamén queremos agradecerlle á comunidade educativa e aos concellos que posibilitan que o Festirititititi medre ano a ano, porque a inclusión é unha labor de todos e todas que se ve aquí". Tamén tivo unhas palabras de agradecemento "para as persoas, empresas, institucións, voluntarios e todos os que fixeron posible que o Festiritititi sexa un éxito".

Ao festival asistiron escolares de 21 centros educativos do Barbanza. / Cedida
José Ramón Romero, alcalde de Boiro, comezou dándolle as grazas a Amicos "por invitarme a esta festa na que participan unha vintena de colexios da comarca de Barbanza e arredores. Para min, como alcalde, é un orgullo ver este pavillón ateigado de rapazada e quero darlle a noraboa á entidade por este tipo de eventos apoiados na idea da integración, coa participación de máis de cento cincuenta persoas con discapacidade intelectual".
A continuación foi a quenda da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, que quixo felicitar a Amicos "pola celebración deste encontro que reúne a máis de mil rapaces e rapazas da contorna e, sobre todo, hoxe é un día de poñer en valor. Neste Día Internacional das Persoas con Discapacidade é necesario mostrar a importancia que teñen as entidades que, como Amicos, traballan con persoas con discapacidade e, sobre todo, coas súas familias".
Asemade, destacou que este "é un traballo que realizan ao longo de todo o ano as asociacións, e dende as administracións temos a responsabilidade de estar ao seu carón e traballar conxuntamente. Dende o Goberno de España estamos traballando todos os días coas entidades, apoiándoas e mostrándolles que estamos con elas. Por iso hoxe era o día de estar aquí no Barbanza, compartindo coa rapazada e coas súas familias este día para darnos enerxías e folgos para construír unha sociedade máis xusta e cunha maior integración para todos e para todas".
Yasmina Romero, integrante da familia de Amicos, leu un manifesto no que reivindicou a papel das persoas con discapacidade como líderes da transformación cara unha sociedade máis inclusiva e equitativa. Un obxectivo a través do que conseguir "un deseño físico e dixital pensado para todos e todas, xerar espazos de diálogo social onde se reflictan os retos aos que nos enfrontamos as persoas con discapacidade, os obstáculos e desigualdades que se nos presentan a diario, e que loitemos por promover políticas inclusivas en ámbitos como o educativo, laboral, social e a nivel de infraestruturas".

Imaxe do festival celebrado por Amicos en Barraña. / Cedida
A directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta, Begoña Abeijón, incidiu en que "é un autentico pracer estar no Festiritititi un ano máis, que con esta sétima edición demostra que chegou para quedarse, e dende a Xunta de Galicia alegrámonos porque pensamos que iniciativas coma esta son fundamentais para dar visibilidade. Cremos que para construír unha sociedade xusta e inclusiva é fundamental inculcar certos valores dende a infancia, e hoxe temos aquí un exemplo perfecto desas accións que hai que promover. O Día das Persoas con Discapacidade non debe quedarse só nun día no calendario; todos os días temos que ter ese compromiso con elas, e por iso impulsamos cada vez máis programas, axudas, centros... E así o entende tamén Amicos, que fai un labor impagable no Barbanza a favor das persoas con discapacidade. Por iso sempre apoiaremos a súa acción diaria".
O Festiritititi 2024 foi posible grazas á financiación de Grupo Jealsa a través do seu programa We Sea, así como da colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Gadis, Grupo Nosa, Fesba e McDonald’s Rías Baixas, e dos concellos de Padrón, Dodro, Rianxo, Noia, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Boiro.
- El outlet Área Central de Santiago alarga este viernes su hora de cierre para convertirse en una 'Jungla' con descuentos del 50%
- Raxoi paraliza una obra ilegal frente al parque de Bonaval: 'Habéis roto un trozo de historia
- Sin atracciones y con la comisión agotada: O Castiñeiriño afronta un San Antón marcado por la falta de relevo generacional
- Avistan un ejemplar de la tortuga más grande del mundo en Fisterra
- El palacete de casi 2 millones en Santiago que 'recuerda a Downton Abbey': una joya arquitectónica que no encuentra dueño
- Un hombre que agredió sexualmente a una amiga en Santiago tras una noche de marcha, condenado a once años de prisión
- Un compostelano idea una pasarela mirador bajo el viaducto del Miño con vistas privilegiadas de Ourense: 'Ojalá sea una realidad
- El restaurante de Santiago que triunfa con sus cachopos: 'No tienen nada que envidiarle a los de Asturias
