Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Amicos presenta o proxecto AMI4CEI, centrado na consolidación de emprego inclusivo

A iniciativa busca apoiar ás persoas con discapacidade intelectual no mantemento de postos de traballo estables

Presentación do proxecto AMI4CEI de Amicos

Presentación do proxecto AMI4CEI de Amicos / Cedida

Anxo Bentrón

Anxo Bentrón

Boiro

A Asociación Amicos presentou este mércores no seu Centro de Atención Integral de Boiro o proxecto AMI4CEI, unha iniciativa mediante a que se desenvolverán distintas actuacións laborais e formativas dirixidas a persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, co obxectivo de promocionar a contratación de persoas con discapacidade intelectual ou en situación de vulnerabilidade, como de consolidar empregos inclusivos xa acadados.

O director xeral da entidade boirense, Xoán España, e a coordinadora da área de Fondos Europeos de CEPES, Isabel Rueda, foron os encargados de presentar esta iniciativa cuxo ámbito de actuación se estende por toda a provincia da Coruña. Un territorio no que a taxa de inactividade laboral en persoas sen discapacidade se sitúa no 22% mentres que entre persoas con discapacidade esta se incrementa ao 70%.

Presentación do proxecto AMI4CEI de Amicos

Presentación do proxecto AMI4CEI de Amicos / Cedida

O proxecto AMI4CEI contempla tanto sesións de asesoramento e orientación individualizada para as 150 persoas que accedan ao mesmo como itinerarios formativos e un seguimento continuo unha vez conten cun posto de traballo para garantir o mantemento do emprego.

Ademais, tamén se prevé realizar distintas accións para fortalecer as propias empresas e entidades, así como a creación interna de dúas ferramentas coas que estudar as necesidades e solucións dixitais da área de Emprego da entidade, así como desenvolver unha aplicación móbil e asistente virtual que facilite a atención das persoas beneficiarias desta área.

AMI4CEI estará operativo ata finais do ano 2026, cunha metodoloxía centrada na persoa que pretende establecer un sistema fluído de comunicación entre as empresas e os usuarios e usuarias traballadoras, no que Amicos os acompañará de preto en todo momento, apoiándose en ferramentas TIC pioneiras, como o uso da Intelixencia Artificial ou un software de xestión do talento integrado na propia web da entidade.

Tracking Pixel Contents