Galicia suma a Volta de Gloria, primeira ruta xacobea circular
A delimitación dun novo itinerario, entre Cee e a vila muradá, vai conectar o Camiño da ría de Muros-Noia co de Fisterra-Muxía

Peregrinos percorrendo o Camiño a Fisterra-Muxía ao seu paso por Dumbría. / Cedida
O Camiño de Santiago pola ría de Muros-Noia vaise ver reforzado coa creación dun novo produto xacobeo, a Volta de Gloria, que unirá esta ruta co Camiño de Fisterra-Muxía, creando o primeiro itinerario xacobeo circular.
Trátase do proxecto Rutas Xacobeas na Costa Sostible, promovido pola Asociación Rural de Desenvolvemento (ARD) Ría de Muros-Noia (que integran os concellos de Lousame, Muros, Noia, Outes e O Son) e varios municipios veciños da Costa da Morte (Carnota, Cee e Dumbría). Ten un orzamento de 220.000 € e conta co apoio GALP Costa Sostible.
Conta cunha axuda de 198.000 €, financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (138.600 €, un 70% do total) e a Consellería do Mar (59.400 €, que supón un 30%).
O proxecto contempla a delimitación dun novo tramo, entre Cee e Muros, que conecta ambos Camiños (o de Muros-Noia e o de Fiesterra-Muxía), creando a Volta de Gloria; a sinalización das rutas xacobeas, incluíndo o deseño dos sinais; a estratexia de calidade, coa creación dun manual de marca e accións piloto de mellora dos tramos; a estratexia dixital de comunicación dos Camiños; a edición de material promocional, coa primeira guía por etapas do Camiño da Ría de Muros-Noia e a edición de planos específicos (Camiño da Ría, Camiño Marítimo e Volta de Gloria); a produción dunha coreografía, coa Escola de Danza Oitos, baseada na historia do navegante e peregrino veneciano Pietro Querini; e a participación en feiras e programación de eventos de difusión.
Por outra banda, o auditorio Afonso Nunes de Negreira acolle este sábado 14 o Foro de internacionalización do Camiño a Fisterra-Muxía, no que destacados expertos, profesionais do turismo e representantes institucionais abordarán os retos e oportunidades deste icónico tramo do Camiño de Santiago.
Trátase dun espazo de reflexión e diálogo ao redor da sustentabilidade, a innovación, a internacionalización e os valores que enriquecen a experiencia dos peregrinos.
O foro será inaugurado ás 09.30 horas nun acto no que participarán Áurea Domínguez, presidenta da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía e alcaldesa de Fisterra; Xosé Regueira, vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña; Xosé Manuel Merelles, director da Axencia Turismo de Galicia; o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis; e o deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira.
A primeira mesa redonda xirará en torno ao Camiño sostible (ameazas e retos cara a 2027). Estará moderada por María Mesías, consultora de turismo en Trivium ECT, e participarán Áurea Domínguez; Yolanda Ferro, representante de Turismo de Santiago; Cesáreo G. Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; e Guti Martín, xerente de Sherpa Project e responsable da oficina técnica de Galicia Destino Sostible.
A seguinte será sobre a transformación da comunicación en torno ao camiño a través do Podcast. Será moderada por Leo Menéndez, director do Galicia Podcast Summit, e participarán Aldara Diéguez, xornalista, comunicadora audiovisual e creadora do podcast Meloni: un marqués en La Gomera; José Mari Ardanaz, creador do podcast El Camino People; e Mariana Vaccaro, xornalista, produtora de podcast e membro de Adonde Media.
A continuación será a mesa redonda sobre os servizos e valores complementarios na oferta turística do territorio do Camiño a Fisterra-Muxía, moderada por Maruxa Lema, concelleira de Turismo de Dumbría, coa participación de Begoña Fernández, xerente de Stoupa, tenda-galería de produtos da Costa da Morte; Jesús Picallo, vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia e presidente de Solpor; Pepe Formoso, director do hotel literario Bela Fisterra e do albergue Bela Muxía; e Daniel Rojo, director de Varodron.
Logo será a mesa redonda sobre a promoción e internacionalización turística do Camiño a través de expertos de Portugal, Irlanda e Reino Unido, moderada por Lanzada Calatayud, da asistencia técnica da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía; María Elvira Lezcano, profesora de Turismo da Universidade da Coruña; Luis Pedro Martins, presidente do Turismo do Porto e Norte de Portugal; Clare Taylor, representante da Confraternity of St. James; e Dusty Flanagan, cofundador do Camiño de Boyne Valley e de Uwalk.ie.
Finalmente, Coque Alcázar, presidente da Asociación Slowlight, falará sobre a estratexia slowlight para o Camiño, e logo será a última mesa redonda, sobre ferramentas tecnolóxicas para a internacionalización turística, moderada por José Manuel Vázquez, dinamizador turístico do Concello de Santa Comba, e na que participarán Florencia Cueto Pedrotti, directora de Shiji Group; Borja Pérez Dopazo, socio fundador de Debullar, consultoría de novas tecnoloxías; e Xurxo Cegarra, socio fundador de Wireless Galicia e coordinador tecnolóxico do proxecto europeo Atlantic_Sunset.
Este foro posiciónase como unha plataforma única para intercambiar ideas e establecer conexións entre os actores claves do Camiño de Santiago cara a Fisterra e Muxía, procurando ser un referente para o sector turístico galego.
Asimesmo, ás 10.00 horas entregarase o galardón Ti fas Camiño, que recoñece a quenes quenes contribúen ao desenvolvemento e promoción deste itinerario cultural.
O premiado é José Manuel Pequeño, exalcalde de Dumbría e promotor principal deste Camiño e da creación da asociación de concellos.
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Aplazada la huelga indefinida de autobuses en Santiago, aunque sigue sin haber acuerdo
- Hasta cinco tapas gratis por consumición: la nueva cafetería que no querrás perderte en el corazón de Santiago
- La Deputación da Coruña licita por 1,12 millones la adquisición de un inmueble para su sede en Santiago
- Augas de Galicia sanciona al Concello de Santiago con 300.000 euros tras mediciones en el río Sar
- El bar a 20 minutos de Santiago donde Netflix rodó una de sus series más vistas: 'Fue una experiencia flipante
- Aumenta la división sindical por el conflicto de los autobuses tras la última reunión mediadora
- El aeropuerto de Santiago pierde uno de cada tres pasajeros con respecto al año pasado
