Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os alcaldes do Barbanza mostran o seu apoio á proposta de Ames para pedir a gratuidade da AP-9

Nun comunicado conxunto, os rexedores de Boiro, A Pobra, Rianxo e Ribeira súmanse a Padrón en secundar a misiva que o amesán Blas García enviou ao ministro Óscar Puente

De esquerda a dereita: José Ramón Romero, alcalde de Boiro; Julián Bustelo, alcalde de Rianxo; Luís Pérez, alcalde de Ribeira, e José Carlos Vidal, alcalde da Pobra do Caramiñal

De esquerda a dereita: José Ramón Romero, alcalde de Boiro; Julián Bustelo, alcalde de Rianxo; Luís Pérez, alcalde de Ribeira, e José Carlos Vidal, alcalde da Pobra do Caramiñal / Cedida

Diego G. Carballo

Diego G. Carballo

Santiago

Os alcaldes da comarca do Barbanza acordaron manifestar o seu apoio á proposta do Concello de Ames para organizar unha comisión e abordar co Ministerio de Transportes a gratuidade da autopista AP-9. A reunión entre os alcaldes de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo tivo lugar este martes.

Nun comunicado, os catro rexedores aseguran que, a pesar de que a comarca conta cunha infraestrutura de “vital importancia” para a vertebración do territorio, en referencia á autovía AG-11, esta “articúlase practicamente como un ramal da AP-9". O custo das peaxes desta última impide que moitos usuarios dean continuidade entre estas dúas infraestruturas, segundo aseveran no comunicado conxunto.

Piden avanzar cara a gratuidade

Os alcaldes –José Ramón Romero (Boiro, PSdeG-PSOE), José Carlos Vidal (Nós Pobra), Julián Bustelo (Rianxo en Común) e Luís Pérez (Ribeira, BNG)– o aseguran que, a pesar dos avances obtidos coas bonificacións das peaxes que están agora en vigor (que supoñen a gratuidade da viaxe de volta, así coma unha redución de ata un 70 % para os usuarios recorrentes con vehículos lixeiros e pesados), é “preciso avanzar na gratuidade total da estrada”.

Especificamente, demandan que as peaxes se supriman en tramos estratéxicos, sinalando o de Padrón-Santiago. Segundo os alcaldes, esta medida implicaría un “importante pulo” para os municipios do Barbanza, facilitando a conexión entre eles e a capital galega, así coma con vías coma a A-54.

“Moitas persoas que na actualidade empregan a AG-11 desprázanse ata outros puntos a través da N-550 unha vez que chegan a Padrón, o que non só supón un agravio en relación coa competitividade para as empresas da zona, senón tamén cargar de tráfico –pesado en moitos casos– unha estrada de dobre sentido que atravesa diferentes núcleos de poboación e zonas perigosas”, argumentan os gobernantes do Barbanza no seu comunicado conxunto.

Así, tenden a man para “contribuír a traballar conxuntamente con outros rexedores e outras administracións cara a liberalización da AP-9". A iniciativa transcende así as “barreiras” políticas, ao ser apoiada en conxunto por catro alcaldes de catro partidos distintos.

García pide unha "eliminación paulatina das peaxes"

Desta maneira, catro novos concellos súmanse á petición por carta do alcalde de Ames, o socialista Blas García, ao ministro de Transportes, Óscar Puente, para eliminar paulatinamente as peaxes da autoestrada nos municipios polos que esta pasa. A alcaldía de Padrón, liderada polo tamén socialista Anxo Arca, apoiou a medida un día despois do anuncio de Ames.

A misiva, remitida o pasado venres 3, instaba a Puente a crear unha mesa na cal estean presentes representantes do ministerio e dos municipios afectados polo tráfico da autopista, ben con unha persoa de cada concello ou a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O obxectivo sería, segundo indicaba a misiva, elaborar “un plan de supresión paulatina” dos tramos de pago da AP-9, na cal se determinasen puntos “prioritarios” que pasasen a ser gratuítos.

Por outro lado, Lucía Calvo (PP), alcaldesa de Teo, sinalou no seu momento que a gratuidade non pode ser paulatina, senón total, e demanda a transferencia da autoestrada a Galicia. A rexedora compostelá Goretti Sanmartín (BNG), pola súa parte, mostrou o seu apoio á “gratuidade total” e á retirada “paulatina” das peaxes en todos os tramos, especialmente no contexto das obras de humanización do Milladoiro

Tracking Pixel Contents