Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Amicos conseguiulle emprego a case un cento de persoas no período 2023-24 a través do seu servizo de Orientación Laboral

A entidade boirense espera acadar 400 insercións cando se sumen os datos de todos os seus programas da súa área laboral no pasado ano

Unha usuaria no Servizo de Orientación Laboral da asociación Amicos

Unha usuaria no Servizo de Orientación Laboral da asociación Amicos / Amicos

Diego G. Carballo

Diego G. Carballo

Boiro

A área de Emprego e Formación da asociación boirense Amicos conseguiu un novo record de inserción laboral a través do seu programa de prestación de apoio e asesoramento a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e laboral.

Durante o 2024, o seu Servizo de Orientación Laboral –prestado pola entidade en colaboración coa Xunta de Galicia– achegou recursos e formación a máis de 450 persoas, e realizou unha media de 1818 intervencións nas provincias da Coruña e Pontevedra. En total, desas 450 persoas conseguiron atopar traballo 99 delas, gracias á colaboración e mediación coas empresas.

Desta maneira, o departamento laboral de Amicos conseguiu superar amplamente o número de insercións acadadas no anterior período, esperando chegar á barreira das 400 unha vez se sumen as conseguidas no conxunto de todos os seus programas.

Obxectivos do programa

O obxectivo do equipo é a “mellora da ocupación e a inserción laboral das persoas en situación de desemprego”, para o cal combinan formación e asesoramento aos usuarios con prospección e mediación coas empresas.

A orientadora laboral de Amicos, Rosa Agrelo, indicou que “nos últimos anos aumentaron as necesidades das persoas con situacións de maior precariedade, polo que debemos adaptarnos ás necesidades individuais de cada persoa”. Agrelo tamén indicou que para a asociación ten a mesma importancia empezar un itinerario novo de emprego coma seguir traballando cun usuario que xa ten un iniciado, apoiándoos durante o proceso para conseguir “un emprego de calidade.”

Polo seu lado, o tamén orientador Pablo Penide resaltou que dende a asociación teñen lazos con "empresas comprometidas socialmente para obter insercións satisfactorias para ambas partes". Penide engade que o papel das empresas é “vital” na labor que desenvolven no programa e na asociación, xa que “sen a súa colaboración e sensibilidade co que facemos non sería posible acadar os bos datos dos últimos anos”.

Renovación do servizo coa Xunta

Desta forma, a Xunta de Galicia renovou o Servizo de Orientación Laboral de Amicos, tras os datos acadados durante o período 2023-24. As 450 persoas atendidas supuxeron un 7 % máis que as do ano anterior, dos cales 177 foron usuarios con discapacidade intelectual. 99 desas 450 consultas remataron coa inserción laboral en empresas colaboradoras.

Andrea Rey, representante dunha coñecida cadea de comida rápida na zona das Rías Baixas, declarou que a súa colaboración con Amicos está resultando “moi satisfactoria”, e subliña que lles aportan candidaturas axustadas ao tipo de perfís que buscan para as súas vacantes na zona do Barbanza.

Keltoi Cameán, coordinador da área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, resaltou o principal reto deste pasado ano: “redefinir a busca de emprego de persoas inactivas para encamiñala á consecución dun emprego”.

Tracking Pixel Contents