Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PSOE abandona o tripartito de Outes, que queda en minoría

"Non podemos continuar dando apoio a un barco que vai á deriva", dixo o edil socialista José Antonio Caamaño

Pola esquerda, Anxo Núñez (BNG), Manuel González (CxO) e José Antonio Caamaño (PSOE) o día que selaron o pacto tripartito.

Pola esquerda, Anxo Núñez (BNG), Manuel González (CxO) e José Antonio Caamaño (PSOE) o día que selaron o pacto tripartito. / Cedida

Outes

O PSOE de Outes anunciou este martes a súa decisión de saír do Goberno municipal, no que CxO e BNG quedan en minoría. 

"Logo da reflexión levada a cabo na organización e de consensualo a nivel local, tomei a decisión de abandonar o executivo", sinala o voceiro socialista en Outes, José Antonio Caamaño Lestón.

"Isto sucede porque despois dun ano e medio de Goberno non vimos nin grandes cambios nin pequenos con respecto ao Goberno anterior", lamenta o socialista.

Caamaño sinala que "seguíronse cometendo os erros do anterior Goberno, sen preocuparse o suficiente polo día a día das veciñas e veciños de Outes". "Pensamos que dende dentro teríamos máis forza para levar a cabo as nosas propostas, pero non foi posible", engadiu.

"Levamos cinco anos esperando por un espello, un ano esperando por dúas farolas e un ano dende que presentamos a ordenanza da tala da madeira, e seguimos esperando", explicou.

O voceiro socialista critica ademais que neste momento "non hai nin un alcalde que atenda os veciños como fai falta, xa que como é sabido, agora ten dedicación na Universidade". 

"Os socialistas non podemos continuar dando o noso apoio a un barco que vai á deriva, sen capitán nin contramestre, e vai directo ao acantilado por moito que se lle dea gas á sala de máquinas", apuntou.

"A partir deste momento volvemos á oposición, onde polo menos poderemos expresarnos sen medo e sen coaccións e defender de verdade as necesidades dos veciños e veciñas, que foron quenes nos puxeron aquí", conclúe Caamaño.

Pola súa banda, o alcalde, Manuel González (CxO) dixo que respecta a decisión de Caamaño porque "se non estaba contento no Goberno, o coherente é saír del". O rexedor engade que "imos tentar manter vías de colaboración con Caamaño e co PSOE e seguiremos traballando con normalidade".

Con todo, o rexedor sinalou que "non concordo cos argumentos do edil socialista e creo que o Goberno está funcionando ben".

González dixo que nos vindeiros días acometerá unha reestruturación do Goberno, no que o concelleiro socialista era segundo tenente de alcalde e responsable das áeras de Deportes, Igualdade, Benestar, Medio Rural e Relacións Veciñais.

O Goberno queda agora formado por un bipartito con 4 concelleiros de CxO e 2 do BNG, fronte a 1 do PSOE e 6 do PP.

TEMAS

Tracking Pixel Contents