Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Boiro, Rianxo e A Pobra analizan a posibilidade de licitar conxuntamente o servizo de recollida de lixo

Os alcaldes dos tres municipios destacan que esta opción podería traducirse nunha redución dos custos e na mellora da eficacia do servizo

Os concellos de Boiro, Rianxo e A Pobra analizan a posibilidade de licitar o servizo de recollida de lixo de forma conxunta

Os concellos de Boiro, Rianxo e A Pobra analizan a posibilidade de licitar o servizo de recollida de lixo de forma conxunta / Rafa Vázquez

Rianxo

Os concellos de Boiro, Rianxo e A Pobra están traballando nos últimos meses nunha iniciativa para licitar de maneira conxunta o servizo de recollida de lixo, unha medida que busca optimizar recursos e mellorar a xestión deste servizo básico para a cidadanía. Esta proposta, que se atopa en fase de estudo, vén despois da finalización recente dos contratos que regulaban a recollida de residuos nas tres localidades, que ata o de agora eran prestados por diferentes empresas.

Esta situación viuse como unha oportunidade por parte das tres localidades, polo que se creou unha comisión de traballo para avaliar esta opción composta polos alcaldes de cada un dos tres municipios, así como técnicos municipais e outros membros dos executivos locais.

"Son moitas as circunstancias a ter en conta e en cada un dos nosos concellos danse situacións particulares a ter en conta, porén, entendemos que estamos diante dunha oportunidade para abrir esta reflexión e estudar todas as opcións coa finalidade de que a prestacións deste servizo sexa o máis eficiente e eficaz posible, partindo da premisa de que establecendo rutas e traballos comúns o custe dos mesmos poderá reducirse", destacan os alcaldes.

Ademais, os rexedores coinciden en que "estamos vendo como a Mancomunidade Barbanza Arousa se está convertendo nun referente supramunicipal de cooperación e colaboración grazas ao bo entendemento e ao traballo conxunto que se dá entre os catro Gobernos, e queremos levar esa cooperación e esa colaboración tamén aos servizos máis elementais coa finalidade de mellorar a súa calidade".

Dende os tres concellos sinalan que no este servizo de recollida de lixo conxunto que se está estudando non inclúe ao concello de Ribeira xa que este aínda ten un contrato en vigor ao que aínda lle quedan uns anos.

Tracking Pixel Contents