Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Redeiras galegas e cántabras visitan Porto do Son

O alcalde, Luis Oujo, destacou a importancia do seu traballo, "a veces pouco visible, pero fundamental"

Luis Oujo, esquerda, durante a recepción ás redeiras.

Luis Oujo, esquerda, durante a recepción ás redeiras. / Cedida

Porto do Son

O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, recibiu este venres a un grupo de redeiras da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao e da Asociación de Rederas de Bajura de Cantabria, que están de visita no municipio como mostra de alianza das dúas entidades.

Na recepción participaron tamén a tenente de alcalde, María José Maroñas Sóñora, a concelleira de Cultura e Festexos, Alicia Martínez Maneiro, e o concelleiro de Deportes, Xuventude e Ludoteca, Carlos Lorenzo Blanco.

As redeiras do Cantábrico agasallaron ao rexedor cunha figura artesanal. Oujo agradeceu “este fermoso xesto” e quixo “reivindicar, visibilizar e recoñecer o importante traballo que realizan estas mulleres no mundo do mar; un labor moitas veces pouco visible, pero fundamental que é sustento de moitas familias”.

A xornada continuou coa saída a pé cara o peirao sonense, onde as redeiras foron recibidas polo patrón maior de Porto do Son, Emilio Queiruga Santamaría, e visitaron a nave das redeiras Virxe do Carme.

As redeiras visitaron as instalacións das profesionais do sector de Porto do Son.

As redeiras visitaron as instalacións das profesionais do sector de Porto do Son. / Cedida

Logo desprazáronse ata Portosín, onde foron recibidas polo patrón maior desa localidade, Isaac Gaciño Santos, e puideron visitar a nave das redeiras.

Asimesmo, coñeceron o Museo Marea de Porto do Son e o Castro de Baroña.

As dúas asociacións participarán este sábado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela nunha xornada de intercambio de experiencias e análise do futuro da profesión. A dita xornada acudirán o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, e a concelleira de Persoal, Magdalena Pérez, como mostra de apoio e de respaldo ao sector.

“Con xornadas como esta poñemos en valor o traballo destas mulleres redeiras, que realizan unha labor centenario e que forman parte da nosa identidade e dun sector estratéxico e fundamental en Galicia”, destacou Oujo. 

Tracking Pixel Contents