Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Padrón pon en valor o legado das súas mulleres con 'Rumorosas 2025'

O Concello e o CIM Terras de Iria recoñecen a traxectoria de oito mulleres da localidade

Mulleres homenaxeadas en Padrón no marco de 'Rumorosas 2025'

Mulleres homenaxeadas en Padrón no marco de 'Rumorosas 2025' / Cedida

Padrón

O Concello de Padrón, en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM) Terras de Iria, presenta Rumorosas 2025, unha iniciativa que pon en valor o legado de oito mulleres da vila que destacaron en diferentes ámbitos. A exposición, enmarcada dentro dos actos do 8M, busca recoñecer o papel destas figuras na construción dunha sociedade máis xusta e igulitaria.

Nesta edición, as protagonistas de Rumorosas 2025 son María José Castro, Beatriz Vázquez Lorenzo, Elena Villaverde Sóñora, Isabel Oliveira, Martina López, Miriam Cortizo, Noa Vázquez e o propio CIM Terras de Iria. Todas elas foron elixidas pola súa contribución ao progreso social e á igualdade, promovendo os mesmos dereitos, recursos e oportunidades para mulleres e homer. Todas elas son mulleres loitadoras, emprendedoras, coidadoras e referentes que, dende diferentes ámbitos, construíron comunidade e abriron camiño para as novas xeracións.

As protagonistas de Rumorosas 2025

María José Castro

María José Castro / Cedida

María José Castro, Sesi recibe este recoñecemento en lembranza da súa nai, Ramona Froján Díaz, Chicha. Ramona transformou un pequeno comercio nunha tenda de referencia en produtos para bebés na localidade. A súa filla continuou o legado familiar, ampliando a actividade cara ao turismo e a hostalaría. Sesi destaca que "o respecto é a clave para acadar a igualdade, e cada pequeno xesto suma para visibilizar a realidade da muller".

Beatriz Vázquez Lorenzo

Beatriz Vázquez Lorenzo / Cedida

Soprano e catedrática de idiomas aplicados ao canto, Beatriz Vázquez Lorenzo, desenvolveu unha brillante carreira internacional. Destaca na recuperación e na difusión da canción galega e feminina, abrindo camiños para as mulleres na cultura. Por iso destaca que "o 8M é unha oportunidade para lembrar que temos que recuperar as voces das esquecidas".

Elena Villaverde Sóñora

Elena Villaverde Sóñora / Cedida

Elena Villaverde Sóñora, enferemeira especializada en Enfermaría Familiar e Comunitaria, foi pioneira no acollemento familiar en Padrón. A través do seu traballo e compromiso, loita pola educación como ferramenta para acabar cos micromachismos e coas desigualdades. "O 8M debe ser un día de loita pola igualdade real e pola educación en igualdade, para construír un mundo mellor para todas as persoas", indica.

Isabel Oliveira

Isabel Oliveira / Cedida

Maestra especializada en Educación Infantil, Isabel Oliveira leva máis de dúas décadas impulsando no Ceip Flavia proxectos innovadores en educación emocional e fomentando a implicación das familias no proceso educativo. Dende o seu punto de vista, "o 8M reivindica a igualdade da muller na sociedade actual e a oportunidade de desenvolver as súas capacidades e habilidades".

Martina López

Martina López / Cedida

Nas Rumorosas 2025 tamén hai un oco para o deporte, neste caso coa triatleta de élite no Triatlón Inforhouse Santiago Martina López, a primeira muller en obter licenza no Triatlón Vilagarcía. Con títulos como o de campioa de España de triatlon de media distancia, demostrou que o esforzo e a constancia son clave tanto no deporte como na loita pola igualdade. Neste sentido, destaca que "o 8M é unha data para lembrar o valor da muller na sociedade e para reflexionar sobre a importancia de loitar unidas pola igualdade cada día do ano".

Miriam Cortizo

Miriam Cortizo / Cedida

Miriam Cortizo, arquitecta e directora técnica, conta cunha destacada traxectoria na sustentabilidade e no deseño urbano. O seu traballo no Campus Tecnolóxico Cortizo, recoñecido con premios de eficiencia enerxética, é exemplo de innovación e liderado feminino no sector. A súa mensaxe para o 8M é clara: "As mulleres debemos facernos respectar. Debemos loitar para que as nosas capacidades sexan recoñecidas, especialmente no ámbito profesional".

Noa Vázquez

Noa Vázquez / Cedida

Noa Vázquez, experta en xestión de produto, marketing e compras no sector da moda e do luxo, é, ademais, emprendedora coa súa marca Doziños, que busca levar o nome de Padrón a nivel internacional. "Aprender do pasado, festexar o presente e soñar cun futuro en igualdade. Nunca deixemos de loitar polos nosos soños", subliña.

Por último, o CIM Terras de Iria leva 30 anos traballando a prol da igualdade e o empoderamento das mulleres en Padrón, Rois e Dodro. Ofrece asesoramento xurídico, apoio psicolóxico e programas de formación e inserción laboral, sendo un referente na loita contra a violencia de xénero.

Tracking Pixel Contents