Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Camiño da Ría Muros Noia reforza a súa promoción con reunións entre a Asociación de Concellos e entidades colaboradoras

O presidente da Asociación, Santiago Freire, destaca a necesidade dun "contacto estreito" para impulsar a oficialización da ruta

Santiago Freire xunto aos participantes no primeiro encontro

Santiago Freire xunto aos participantes no primeiro encontro / Cedida

Anxo Bentrón

Anxo Bentrón

Noia

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia, Santiago Freire, está celebrando reunións con representantes de asociacións, entidades e colectivos implicados na promoción e desenvolvemento desta ruta xacobea. O obxectivo destas reunións periódicas é reforzar a colaboración e coñecer de primeira man as propostas e inquedanzas dos colectivos que apoian o camiño, garantindo así un avance conxunto cara á súa oficialización.

O primeiro destes encontros celebrouse este martes 25 de febreiro no salón de plenos da casa consistorial de Noia e entre os participantes estaban a coordinadora da asociación Muros, vila de auga e Sal, Montse París; a xerente do GALP Costa Sostible, Manuela Oviedo; o presidente de Galicia Senderismo, Sindo Gandarela; o presidente da Comunidade de Montes de Baroña, Ovidio Queiruga; a xerente da asociación Noia Histórica, Belén Arróniz; José Antonio de la Riera, membro fundador da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago; Agustín Dosil, integrante da Academia Xacobea; Matilde Dios, de Hostalaría Ría da Estrela; e o director de Tremuzo, Historia e Patrimonio, Antonio Rodríguez.

Freire agradeceu a iniciativa das entidades presentes e destacou "a importancia de manter un contacto estreito e continuo que nos permita coñecer as súas propostas e inquedanzas para así poder seguir avanzando xuntos na promoción do Camiño da Ría de Muros Noia".

Durante a xuntanza, o presidente da Asociación e rexedor de Noia informou sobre os avances realizados na sinalización e balizamento da ruta nos nove municipios polos que discorre o Camiño, así como sobre os traballos de restauración ambiental e paisaxística levados a cano en varios tramos nos cinco concellos da Ría da Estrela.

Ademais, tamén fixo refencia ás recentes iniciativas promovidas baixo a súa presidencia, entre as que destacou a participación en FITUR 2025 onde se presentou oficialmente a Volta da Gloria "e onde innovamos co lanzamento dun novo concepto de ruta xacobea, o Camiño Marítimo a través da Ría de Muros Noia, que estou convencido de que vai ser un gran éxito".

"Por unha banda, recuperamos a tradición da Ría de Muros Noia como o Portus Apostoli. Por outra, contamos co primeiro catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría da Estrela, que seguro que atraerá a un grande número de peregrinos, pois será unha experiencia absolutamente única e atractiva", concluíu.

Tracking Pixel Contents