Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O BNG esixe o fin dos vertidos de dragados na ría de Arousa e a clausura do punto de déposito da Illa de Sálvora

A formación nacionalista denuncia unha "agresión ambiental" e reclama unha avaliación do impacto

O BNG esixe o fin dos vertidos de dragados na ría de Arousa e a clausura do punto de déposito da Illa de Sálvora

O BNG esixe o fin dos vertidos de dragados na ría de Arousa e a clausura do punto de déposito da Illa de Sálvora / Cedida

Anxo Bentrón

Anxo Bentrón

Ribeira

O Bloque Nacionalista Galego manifestou este mércores a súa oposición á utlización da ría de Arousa como punto de vertido de materiais de dragados e esixiu a clausura definitiva do punto de vertido da Illa de Sálvora, no que considera unha "agresión ambiental".

Fixoo nunha rolda celebrada en Ribeira do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a deputada no Parlamento galego, Rosana Pérez, e o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, que denunciaron a situación e demandaron a cancelación definitiva deste punto de vertido. Ademais, a formación nacionalista reclama un estudo detallado sobre o impacto que o depósito podería causar na zona, así como unha avaliación dos efectos sobre os recursos pesqueiros e marisqueiros.

"Resulta inaceptábel que o Goberno do Estado continúe a considerar as rías galegas como un vertedoiro para os residuos dos dragados portuarios, poñendo en risco a biodiversidade e os sectores produtivos da nosa costa", explicou o deputado nacionalista. Ademais, tamén lembrou que a reactivación do punto de vertido en Sálvora "atenta contra o interese xeral e contravén os acordos acadados no Parlamento galego".

Pola súa banda, Rosana Pérez, cualificou de "escándalo" que se retome o vertido en Sálvora despois de que "en 2019 o Parlamento Galego aprobou por unanimidade unha resolución instando a Xunta a buscar alternativas sustentábeis para o depósito de lodos de dragados, garantido que non afectasen ás rías galegas, e nomeadamente á de Arousa".

Neste sentido, a deputada no Parlamento galego indidiu á Xunta na necesidade de "defender os intereses do sector marisqueiro e pesqueiro, impedindo que se continúe a usar a Illa de Sálvora como un vertedoiro".

"A xestión dos dragados debe facerse con criterios ambientais e sociais, non en función dos interesas da administración central, que parece descoñecer a importancia da ría de Arousa para a economía e a vida da nosa xente", expresou pola súa banda o alcalde de Ribeira.

Os nacionalistas destacaron que a decisión de habilitar en 1998 o punto de vertido na boca sur da ría nunca foi sometida a exposición pública nin contou con estudos ambientais previos e que, dende entón, depositáronse "milleiros de metros cúbicos de lodos" nunha área pertencente á Zona de Especial Protección para as Aves.

Tracking Pixel Contents