Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Consello Sectorial de Pesca de Ribeira ponlle deberes urxentes a Portos

Pide dragar a dársena de Santa Uxía, pero rexeita que a zona de Sálvora sexa «o epicentro do depósito de áridos de toda Galicia»

Participantes na reunión do Consello Sectorial de Pesca.

Participantes na reunión do Consello Sectorial de Pesca. / Suso Souto

Ribeira

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, presidiu este venres a reunión do Consello Sectorial de Pesca, órgano consultivo do Concello no que están representadas as confrarías, a lonxa, os sectores do arrastre e o cerco, a Corporación municipal, os sindicatos e os empresarios, entre outros.

Despois dunha hora de debate, o rexedor saíu cunha longa lista de demandas que lle plantexará persoalmente ao presidente de Portos, José Antonio Álvarez, na reunión que, por fin, conseguiu fixar para o venres 28.

Luís Peréz trasladaralle a Álvarez «o gran malestar de todo o sector» pola falta de mantemento nos portos do municipio, especialmente no de Santa Uxía, e a urxente necesidade de acometer unha renovación integral da iluminación, «pois actualmente as avarías deixan con frecuencia o porto completamente a escuras», e de mellorar o estado dos accesos aos recintos.

Outra das queixas refírese á falta de seguridade, polo que se reclama presenza de vixilantes durante as noites e a posta en funcionamento das cámaras de videovixilancia, que levan anos inoperativas. No tocante a esta cuestión, o Concello promoverá unha reunión entre os diferentes corpos e forzas de seguridade e o propio sector do mar, co obxectivo de reforzar a coordinación e asegurar que os portos de Ribeira sexan espazos seguros.

O Consello pediralle a Portos medidas de control de acceso entre a lonxa vella e a nova para que os traballadores do recinto poidan facer as súas tarefas con seguridade, e que se retiren dúas embarcacións abandonadas que levan anos atracadas no peirao.

Outra das principais reivindicacións do sector é a dragaxe da dársena de Santa Uxía, que a confraría leva anos plantexando, pero que Portos non contempla porque ninguén llo pediu oficialmente. Será o propio Consello Sectorial de Pesca o que formalice esa demanda. Pero tamén deixará claro que «Ribeira non quere ser o epicentro do depósito dos áridos procedentes de todas as dragaxes que se fagan nos demais portos galegos», en referencia á proposta da Xunta para volver habilitar a tal fin un punto próximo á illa de Sálvora, no que Ribeira si aceptaría depositar os áridos procedentes das dragaxes dos portos locais.

Para intentar que todas estas demandas non caian en caixón roto, o Consello Sectorial de Pesca insta a Portos a elaborar un plan de actuación en materia de mantemento, iluminación, seguridade e dragaxe dos portos, cun orzamento detallado e un calendario concreto para garantir o seu seguimento.

Asimesmo, solicítase á Consellería do Mar un estudo científico que analice as causas da preocupante perda de produtividade das rías galegas, especialmente da ría de Arousa.

Tracking Pixel Contents