Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A asociación pro saúde mental A Creba prevé construír unha residencia de 15 prazas en Noia

Está orzamentada en 1,2 millóns de euros e faríase en tres fases

O arquitecto Martín Insua amosando un plano a Abeijón en presenza do presidente da Creba, José Ramón Girón.

O arquitecto Martín Insua amosando un plano a Abeijón en presenza do presidente da Creba, José Ramón Girón. / Cedida

Noia

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, coñeceu este luns o novo local da asociación A Creba en Noia, de máis de mil metros cadrados, que permitirá seguir ampliando os servizos da entidade na atención ás persoas con enfermidades mentais.

O proxecto, que contempla un centro ocupacional e unha pequena residencia, contou coa colaboración da Xunta de Galicia, que destinou xa máis de 350.000 euros.

A directora xeral lembrou que en 2023 o Executivo galego concedeu en axudas do IRPF 150.000 € para que a entidade puidese adquirir o inmoble. A esta achega súmanse os máis de 200.000 € que destinou en 2024, tamén en axudas con cargo ao 0,7% do IRPF, para o acondicionamento do local.

Ademais, Begoña Abeijón aproveitou a ocasión para coñecer os traballos que se desenvolven no centro ocupacional da Creba co obxectivo de mellorar e impulsar as capacidades dos usuarios.

Ao respecto, destacou que o Executivo galego financia oito prazas neste servizo, para o que inviste preto de 60.000 euros.

A Creba da servizo en Noia a 40 persoas con problemas de saúde mental no seu centro de rehabilitación, e ten 20 prazas no centro ocupacional.

A entidade busca financiamento para construír un complexo, orzamentado en 1,2 millóns e que se faría en tres fases: a primeira, para zonas comúns e centro ocupacional; a segunda, para centro de rehabilitación profesional e laboral; e a terceira, para unha residencia, que tería 15 prazas.

Tracking Pixel Contents