Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Mancomunidade Barbanza-Arousa aposta por ampliar a pegada económica do Camiño de Santiago

A entidade activa o proxecto turístico Traslatio experiencial, co que pretende fomentar rutas entre os portos deportivos da comarca

Pola esquerda, Carlos Vidal, Luís Pérez, José María Pérez, Carmen Pita, Julián Bustelo, María Rivas, Pedro Blanco, José Ramón Romero, Fátima Cachafeiro e Cesáreo Pardal.

Pola esquerda, Carlos Vidal, Luís Pérez, José María Pérez, Carmen Pita, Julián Bustelo, María Rivas, Pedro Blanco, José Ramón Romero, Fátima Cachafeiro e Cesáreo Pardal. / Suso Souto

Rianxo

O Pazo do Martelo (Rianxo) acolleu este luns a presentación do proxecto Traslatio experiencial: ruta mar de Arousa e río Ulla, que ten como obxectivo potenciar este roteiro xacobeo mellorando a experiencia do turista e a calidade de vida dos residentes facendo uso da tecnoloxía e da innovación.

O proxecto da Mancomunidade Barbanza-Arousa está financiado polo Ministerio de Industria e Turismo con 976.000 euros.

A xerente da entidade, Fátima Cachafeiro, explicou que se pretende, entre outras cousas, fomentar o fluxo turístico entre os portos deportivos da comarca para que os visitantes poidan coñecer varias localidades da mesma, converténdose ademais en preceptores de destino.

Aumentaranse os puntos de información e implantaranse códigos QR e soportes de sinalización e información turística intelixente. A xestión do xeodestino farase a través dunha plataforma que se actualizará en tempo real.

O proxecto inclúe a instalación de 16 videocámaras (4 en cada concello) con lectores de matrícula, que permitirán obter datos sobre a mobilidade dos visitantes (procedencia, lugares visitados, estadía media...).

Unha aplicación de realidade aumentada ofrecerá rutas dixitalizadas para facer dende os portos deportivos.

O reto é ampliar a pegada económica do Camiño de Santiago.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, exemplificou na estratexia de transformación turística da Mancomunidade Barbanza-Arousa a aposta do Goberno de España pola modernización do sector turístico e dos destinos e que se traduce en case 2,5 millóns de euros de investimento do Ministerio de Industria e Turismo nos proxectos desta Mancomunidade.

Na súa intervención, que clausurou o acto, o delegado lembrou que o Goberno de España traballa desde hai cinco anos na modernización do sector turístico nacional, a través de fondos propios e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e cifrou en máis de 200 millóns de euros os investimentos do Goberno en Galicia neste proceso, “apostando pola modernización das empresas turísticas e por un turismo respectuoso, sostible e dixital, que xere riqueza e traballo de calidade no territorio”.

Deste investimento, o delegado destacou o que financia a transformación dos destinos turísticos de Galicia, “para facelos atractivos durante todo o ano, e para poñer en valor o conxunto dos recursos do noso país”.

Esta tarefa faise a través do Plans de Sostibilidade Turística en Destinos, que, no caso de Galicia, actúan en 43 destinos con máis de 100 millóns de euros de fondos achegados polo Goberno de España, e en colaboración co resto de administracións (concellos, deputacións e Xunta de Galicia).

O delegado do Goberno felicitou á xestora da Mancomunidade e aos catro alcaldes dos concellos que integran esta entidade supramunicipal (Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Boiro) "pola súa capacidade de aproveitar as oportunidades do Plan de Recuperación e converterse nun exemplo magnífico do impacto que está a ter en Galicia este programa de transformación impulsado polo Goberno de España”.

"O Goberno de España sempre estivo ao lado desta entidade no seu proceso de modernización turística, da que financia os seus dous proxectos principais con case 2,5 millóns de euros", dixo Blanco.

Por unha banda, o Ministerio de Industria e Turismo financia con 1,5 millóns de euros o Plan de Sostibilidade Turística Barbanza-Arousa: viaxe a través dos sabores, que combina o aproveitamento turístico do potencial gastronómico destes carto concellos coa recuperación do patrimonio histórico.

Pola súa banda, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, referiuse á «importancia estratéxica do proxecto Traslatio experiencial ás portas nun novo Ano Santo». 

Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia, lembrou que «no Barbanza está a a xénese do Camiño de Santiago: o traslado dos restos do Apóstolo de Palestina a Padrón no ano 44».

Barbanza-Arousa é o primeiro destino supramunicipal de Galicia co distintivo Destino Turístico Intelixente, que apuntalan as 75 empresas do sector adheridas ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos.

No acto participaron tamén a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o director da División de Programas Turísticos e Asuntos Económicos da Secretaría de Estado de Turismo, José María Pérez; o presidente de turno da Mancomunidade e alcalde de Rianxo, Julián Bustelo; e os alcaldes de Boiro (José Ramón Romero), A Pobra (Carlos Vidal) e Ribeira (Luís Pérez).

Tracking Pixel Contents