Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Concello de Ribeira asfalta a travesía de Aguiño "tras máis de 8 anos sen intervencións nesa vía"

A actuación inclúe a creación de pasos peonís elevados

Operarios asfaltando a rúa Francisco Lorenzo Mariño en Aguiño.

Operarios asfaltando a rúa Francisco Lorenzo Mariño en Aguiño. / Cedida

Ribeira

O Concello de Ribeira está a levar a cabo a pavimentación da rúa Francisco Lorenzo Mariño, situada na parroquia de Aguiño. "Esta actuación, amplamente demandada pola veciñanza, pon fin a máis de oito anos sen intervencións nesta estrada, que presentaba un avanzado estado de deterioro", explican dende o Goberno local.

O alcalde, Luis Pérez, e os tenentes de alcalde Vicente Mariño e Francisco Suárez-Puerta estiveron este mércores supervisando o desenvolvemento desta intervención que contempla a reposición integral do pavimento, garantindo unha superficie máis segura para a circulación de vehículos e peóns.

Ademais, no marco do compromiso do Concello coa accesibilidade universal, estanse instalando pasos de peóns elevados que permitirán un tránsito máis seguro entre as beirarrúas e contribuirán ao calmado do tráfico e a evitar accidentes.

Vicente Mariño mostrouse satisfeito polo comezo das obras de pavimentación. “Éncheme de orgullo ver o inicio das obras despois de todo o que ocorreu nesta rúa ao longo de

tantos anos”, dixo.

Mariño puxo en valor o traballo do Goberno para que a pavimentación fora unha realidade, “grazas ao Goberno e á boa disposición do alcalde en todo momento, logramos levar a bo porto este tema; puxémonos a traballar e en escasamente dous anos xa temos as máquinas aquí”, explicou.

Pola súa banda, o alcalde destacou a importancia desta obra e lembrou que se está a realizar un investimento forte nas parroquias para dar resposta ás necesidades da veciñanza. "Nos últimos dous anos investíronse 250.000 euros en dotacións básicas para a parroquia, entre as que se inclúen a pavimentación da rúa Francisco Lorenzo Mariño e a renovación da liña de abastecemento, saneamento e pavimentación da rúa Curbelo", dixo.

Ademais, lembrou que están en execución ou a piques de comezar outras obras que suman 2 millóns de euros.

Segundo detallou Pérez Barral, entre estas actuacións previstas atópanse as pavimentacións das rúas Luís Seoane e Praia da Ribeira, con 186.000€, a renovación da liña de auga potable na Cerca, por 175.000 €, a construción da sede do Club de Remo e a renovación do conservatorio de Aguiño, que teñen un investimento de 1.000.000 € e 630.000 €, respectivamente.

Tracking Pixel Contents