Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MAR

Emotiva homenaxe en Aguiño aos náufragos do ‘Cartagena’

A confraría e asociacións locais lembraron ás vítimas no 80 aniversario do afundimento

O alcalde, en primeira fila cuarto pola dereita, e o patrón maior, quinto no acto en Aguiño

O alcalde, en primeira fila cuarto pola dereita, e o patrón maior, quinto no acto en Aguiño / C. R.

Ribeira

A vila mariñeira de Aguiño (Ribeira) rendeu este sábado unha sentida homenaxe ás 21 vítimas do naufraxio do pesqueiro local Cartagena nº 3, afundido o 8 de abril de 1945. Un acto que foi promovido pola Confraría de Pescadores de Carreira-Aguiño, a AAVV de Carreira, a Asociación Francisco Lourenzo Mariño, de Aguiño, e a Asociación de Xubilados, que contaron coa colaboración de Juan José Prol, creador do blog sarse.wordpress.com e o maquetista Luis Crujeiras.

Fernando Patricio, esquerda, e Marcial Mouzo nos relatorios en Aguiño

Fernando Patricio, esquerda, e Marcial Mouzo nos relatorios en Aguiño / C. Ribeira

O patrón maior de Aguiño, José Antonio Santamaría, asegurou que este acto, que coincide co 80 aniversario do afundimento, forxouse «e foi tomando forma grazas ao inmenso respecto que nos pobos de Carreira e Aguiño se ten a esta traxedida». Os que somos mariñeiros, engadiu, «vivimos sabendo que o mar que nos dá vida, nalgún momento, se pode voltar traizoeiro».

Por iso, subliñou, «cando chega aos nosos oídos algunha desgraza acontecida no mar, vivímola coma nosa. Para a xente do mar todos somos familia, todos nos sentimos irmáns».

Facianas sombrías

Lembrou que 21 homes non regresaron a porto, algúns da mesma familia, e «entendemos como puido chegar a percorrer os nosos pobos a noticia do afundimento, sen deixar nen un só recuncho das nosas rúas indeferente, tornando en sombrías as facianas, incluso as dos máis novos».

Acto de homenaxe aos náufragos do pesquero 'Cartagena nº 3'

Acto de homenaxe aos náufragos do pesquero 'Cartagena nº 3' / C. Ribeira

A homenaxe fixérona extensiva tamén a todas as persoas que, «dunha forma ou outra, este acontemento cambiou ou truncoue as súas vidas», afirmou Santamaría, quen sinalou ademais que dende a confraría senten a obriga de recordar estes acontecementos «para que non queden no esquecemento, e as futuras xeracións os recorden e lles rendan o seu tributo».

Aforo completo

Ao acto sumáronse tamén o alcalde de Ribeira, Luis Pérez, e concelleiros de todos os grupos políticos representados na Corporación local; o senador e exalcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas; o presidente da Federación Galega de Confrarías e patrón maior de Ribeira, José Antonio Pérez Sieira; e o Capitán Marítimo de Vilagarcía, Juan Andrés Pérez, entre outros asistentes, que ateigaron o salón de actos da Casa do Mar da vila mariñeira de Aguiño.

Ofrenda floral e un mural en lembranza de todas as vítimas

O acto comezou na Casa do Mar cun ciclo de conferencias que situaron no marco histórico e avaliaron o impacto que este tráxico naufraxio deixou no pobo. Exerceron como relatores Marcial Mouzo, Fernando Patricio, Xosé Iglesias e Antón Luaces. Ademais, a Asociación de Veciños de Carreira presentou un documental sobre o afundimento.

Os asistentes desprazáronse despois ao peirao de Aguiño, onde se depositou unha coroa de flores no mar en sinal de loito por todos os falecidos. Un acto no que tamén se interpretou a Salve Mariñeira.

A celebración rematou no novo salón de actos habilitado na confraría local, onde se inaugurou un mural elaborado polos organizadores do acto coa colaboración de José Prol. Asemade, presentouse aos asisentes unha maqueta do Cartagena nº3 elaborada polo artesán Luis Crujeiras.

Opatrón maior, José Antonio Santamaría, agradeceu a colaboración de todas as asociacións e persoas que fixeron posible esta homenaxe e «o seu compromiso con nós e con este evento». O emotivo acto permitirá manter viva na memoria unha traxedia que marcou a todo un pobo que vive e mira cada día o mar.

Tracking Pixel Contents