Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ribeira inviste 315.000 euros na mellora do parque periurbano e o centro de interpretación de San Roque

No recinto instaláronse luminarias led, e no complexo, que foi impermeabilizado e dotado de ascensor, colocáronse pantallas interactivas

Luís Pérez, centro, cos concelleiros Francisco Suárez-Puerta e Genoveva Betanzos, fronte ao centro de interpretación de San Roque.

Luís Pérez, centro, cos concelleiros Francisco Suárez-Puerta e Genoveva Betanzos, fronte ao centro de interpretación de San Roque. / Cedida

Ribeira

O Concello de Ribeira está realizando un importante investimento público, que supera os 315.000 euros, co obxectivo de mellorar e poñer a punto o parque periurbano de San Roque.

A actuación abrangue diversas melloras no parque e tamén no centro de interpretación alí ubicado.

Unha das actuacións máis salientables é a mellora da eficiencia enerxética, coa instalación dun sistema de iluminación no parque periurbano que permitirá un uso máis prolongado deste espazo natural durante todo o ano, especialmente no inverno, cando as horas de luz son moitas menos que na época estival.

Preténdese a instalación de dous tipos de luminarias, sobre columna de 5 metros e balizas. Para levar a cabo a instalación dotarase dun novo cadro de iluminación e as luminarias serán led ou solares, tentando conseguir a maior eficiencia posible.

Así mesmo, levouse a cabo unha reforma integral no exterior do centro de interpretación, centrada na mellora da impermeabilización e o seu pintado, para garantir a conservación do edificio fronte ás inclemencias meteorolóxicas.

Ademais, co obxectivo de facer o espazo accesible a toda a cidadanía, instalouse un ascensor.

Outro dos piares desta intervención foi a renovación dos contidos expositivos do centro. Segundo informou o tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, apostouse por novas tecnoloxías mediante a incorporación de pantallas interactivas que permiten aos visitantes coñecer a historia do municipio ribeirense dunha forma máis atractiva e dinámica.

“Coa renovación do centro de interpretación e a mellora do parque periurbano reforzamos a nosa oferta turística cun relato actualizado e cun espazo moito máis acolledor. É unha aposta clara pola modernización e a posta en valor da nosa historia", explicou o concelleiro.

O alcalde, Luís Pérez Barral, destacou que "dende o Goberno local faise un importante esforzo económico coa finalidade de facer deste espazo natural unha zona de lecer accesible e atractiva para a veciñanza e para as persoas que visitan Ribeira".

Todas estas actuacións responden ás prioridades que a veciñanza trasladou na consulta pública que puxo en marcha o Concello; unha das demandas máis repetidas foi a necesidade de actuar neste espazo verde do centro urbano.

TEMAS

Tracking Pixel Contents