Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Diego Calvo anima a alcaldes e voceiros do PP do Barbanza "a poñer toda a carne no asador" na senda hacia as municipais

O presidente provincial do partido reuniuse cos alcaldes e portavoces dunha comarca que considera "un punto de referencia" para a formación

Trenor, sexto pola esquerda; Calvo, oitavo; Magdalena Pérez, novena; e Evaristo Ben, dereita, cos alcaldes e portavoces do PP na comarca do Barbanza.

Trenor, sexto pola esquerda; Calvo, oitavo; Magdalena Pérez, novena; e Evaristo Ben, dereita, cos alcaldes e portavoces do PP na comarca do Barbanza. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Redacción

Porto do Son

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, mantivo unha reunión de traballo cos alcaldes e voceiros da formación na comarca do Barbanza, aos que o dirixente popular animou a “poñer toda a carne no asador” nos dous anos que restan para a celebración das próximas eleccións municipais de 2027.

Acompañado polo secretario xeral, Evaristo Ben, polo vicesecretario de organización e territorio, Gonzalo Trenor, e pola deputada autonómica Magdalena Pérez, Calvo aproveitou para incidir na “importancia” de que a súa formación siga a traballar naqueles lugares como Porto do Son, Lousame, Noia, e agora tamén Outes onde o Partido Popular goberna, pero tamén na “necesidade de non baixar os brazos” nos concellos nos que os populares están na oposición. 

“Temos por diante dous anos moi importantes para consolidar as alcaldías que temos, pero tamén para prepararnos para poder conseguir outras. Pode parecer que falta moito para as municipais, pero está máis preto do que todos pensamos”, sinalou Calvo. 

Consciente de que a comarca do Barbanza foi sempre un “punto de referencia” para a súa formación, o líder dos populares na provincia asegurou que o seu partido aspira a volver gobernar en todos os municipios.  

“Somos ambiciosos e imos traballar para conseguilo. E somos ambiciosos por varios motivos. O primeiro, porque nos avala o traballo que estamos realizando en Porto do Son, en Noia, en Lousame, e o que agora está a empezar a facer Fran Calo en Outes, pero tamén porque estamos a ver o que sucede cos gobernos de lugares como Ribeira ou Muros”, explicou.

Neste sentido, Calvo lamentou que a veciñanza estea a sufrir as consecuencias de executivos municipais que, na súa opinión, "o que demostraron co paso dos meses é que o único que lles importaba era que o PP non accedese ás alcaldías. Os dous anos que van de lexislatura deixaron en evidencia a moitos, pero agora tócanos presentar proxectos e que a xente nos vexa como alternativa real”, apuntou. 

O presidente popular aproveitou a reunión tamén para, ademais de felicitar a Fran Calo pola súa recentemente estreada alcaldía, advertir aos seus sobre os ataques que poden sufrir nos próximos meses. 

“Utilizarán calquera cousa para atacarnos. O resto de formacións entenden a política desde a confrontación, a mobilización social e os ataques”, apuntou Calvo, quen pediu aos representantes populares que, lonxe de esconderse, dean a cara e expliquen aos seus veciños a realidade das cousas. "Non permitamos que outros gañen un relato que pouco ou nada ten que ver coa realidade que vivimos en Galicia e nesta comarca", dixo.

TEMAS

Tracking Pixel Contents