Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ribeira e A Pobra estudan a ‘opción ZAPE’ para habilitar chan industrial ‘á medida’

A Xunta ve inviable o macro polígono do Barbanza polas numerosas afectacións e plantexa crear unha Zona de Aceleración de Proxectos Empresariais na que cada empresa costearía a urbanización do seu ámbito

Localización da bolsa de terreos entre Ribeira e A Pobra na que se proxectou no seu día o macro polígono do Barbanza.

Localización da bolsa de terreos entre Ribeira e A Pobra na que se proxectou no seu día o macro polígono do Barbanza. / Cedida

A Pobra

Hai máis dunha década (en 2014) a Xunta incluía no Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia o proxecto para a construción dun macro polígono dun millón de metros cadrados entre Ribeira e A Pobra. En 2008 adxudicárase a redacción do proxecto de expropiación de terreos, e en 2011 aprobárase o proxecto sectorial, establecendo un prazo máximo de 8 anos para a execución dunhas obras que nunca chegaron a iniciarse.

Dende entón, púxose en marcha o polígono industrial de Rianxo e ampliáronse os da Pobra e Boiro, localidades que traballan xa en novas ampliacións, mentres en Ribeira encara a recta final o proxecto para construír outro en Pedras Vermellas.

Unha nova ferramenta

Agora, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, descarta a opción do macro polígono, alegando que tería moitas afectacións sectoriais. Pero, nunha recente reunión cos alcaldes e os presidentes das patronais de Ribeira e A Pobra, propúxolles a posibilidade de botar man dunha nova ferramenta que permitiría ofrecer chan industrial á medida nesa zona, entre Ribeira e A Pobra: as ZAPE (Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais).

Esta opción permite, en vez de desenvolver un polígono industrial na súa totalidade, ofrecerlle ás empresas interesadas a posibilidade de instalarse asumindo o custo da urbanización da súa parcela. Esta medida axilizaría as cuestións administrativas.

Segundo o rexedor pobrense, José Carlos Vidal, «esta opción foi ben recibida poas patronais», aínda que, no caso da Pobra, abre tamén un debate no seo do Goberno cuatripartito (Nós Pobra, BNG, PSOE e VIP). A nacionalista Amparo Cerecedo considera que «é a Xunta a que debe desenvolver un macro polígono que xa foi aprobado». 

Tracking Pixel Contents