Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ACTO

Emotiva despedida en Lousame das dúas voluntarias de Italia e Turquía

Letizia Saccani e Fatma Erdemoglu colaboraron con todas as áreas do concello

Teresa Villaverde, esquerda, Letizia Saccani, Silvia Agrafojo e Fatma Erdemoglu no acto de despedida

Teresa Villaverde, esquerda, Letizia Saccani, Silvia Agrafojo e Fatma Erdemoglu no acto de despedida / C. Lousame

Lousame

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Cultura e Xuventude, Silvia Agrafojo, presidiron un emotivo acto de despedida das dúas voluntarias europeas, a italiana Letizia Saccani e a turca Fatma Erdemoglu, que participaron durante o último ano no programa European Solidarity Corps. Un acto que colleu por sorpresa ás dúas voluntarias, que só agardaban a protocolaria entrega dos certificados Youthpass e que se atoparon con preto de 120 persoas agardando por elas no auditorio municipal.

A música amenizou o acto nun auditorio ateigado de veciños e veciñas

A música amenizou o acto nun auditorio ateigado de veciños e veciñas / C. Lousame

O Mago Teto fixo de mestre de cerimonias, alternando unha serie de divertidos e sorprendentes xogos de maxia a un auditorio composto esencialmente por rapaces e rapazas do voluntariado de Lousame, así como por persoas maiores do voluntariado sénior e usuarias do centro de día e do Punto de Atención á Infancia, convocadas polo técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, para darlles unha agarimosa despedida a Letizia e Fatma.

Lousame, referencia en Galicia en voluntariado

A rexedora salientou que "hoxe non é entendible un mundo sen voluntariado e sen a colaboración de todos e todas vós, Lousame non sería o mesmo. Seguide involucrando a máis xente para que sigamos sendo un exemplo non so na comarca senón en Galicia". Así mesmo, puxo en valor o feito de que Lousame é un dos poucos municipios galegos que xestiona programas de voluntariado europeo, sendo ao mesmo tempo entidade de envío como de acollida de voluntariado. "De momento non enviamos a ninguén de Lousame a Europa, pero aproveito para animar aos presentes a que lle dean unha volta a esta oportunidade”, engadiu.

Agradecementos

Letizia Saccani destacou que “fue un año muy especial con toda la gente de Lousame, y también de Noia y de Santiago... los gallegos, en general, sois personas especiales. Fue un año fantástico, podría decir que el favorito de mi vida”. Pola súa banda, unha emocionada Fatma Erdemoglu só foi quen de dar las “gracias por todo. La verdad es que fue genial”.

A concelleira de Mocidade e Igualade, Silvia Agrafojo, entregoulles sendas figuras de Sargadelos, mentres que dende o grupo O Son do Pote e as pandereteiras da Aula Sénior da UNED quixeron colaborar no acto poñendo a súa música e entregándolles un poema escrito e recitado por Esperanza Piñeiro, veciña do municipio. A maiores, agasalláronas con varios cadros da súa estancia, obra de Juan Carlos Lorenzo.

O Concello de Lousame é un dos poucos municipios de Galicia que xestiona programas de Voluntariado Europeo. En 2017 iniciou este camiño coa acollida de dúas voluntarias, a francesa Lucíe Rimasson e a rusa Anna Uvarova (presente no acto); entre 2018-2019 contaron coa colaboración da ucraína Oksana Kalinicheko e a rusa Iuliia Bautdinova; mentres que a persoa que ía participar no programa de 2020 volveu á súa terra natal xa que a súa chegada coincidiu co inicio dos meses de confinamento pola Covid-19. No 2021 contaron coa colaboración doutras dúas voluntarias turcas, Ebru Karaca e Dilara Güven. E no 2023 recibiron a outras dúas voluntarias da mesma nacionalidade: Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas.

Tracking Pixel Contents