A Real Academia Galega fai relocer unha foto de 1890 da romaría de San Campio de Outes
Foi feita por José Prieto Guerra e abre unha nova serie do arquivo dixital da RAG sobre imaxes históricas relacionadas coa poesía popular e oral e as cantareiras

Foto realizada por José Prieto Guerra cara a 1890 na romaría de San Campio de Santo Ourente de Entíns (Outes). / José Prieto Guerra
Redacción
O Arquivo da Real Academia Galega estrea nesta semana central das Letras Galegas unha serie na que escolma e comenta imaxes históricas relacionadas dalgún xeito coa poesía popular oral e as cantareiras, ás que a institución lles dedica a gran festa deste 17 de maio. A selección empeza cunha estampa de especial forza e beleza, inmortalizada por José Prieto Guerra a finais do século XIX na popular romaría de San Campio de Santo Ourente de Entíns (Outes).
O posado, que comenta a académica Margarita Ledo, evoca o canto tradicional do pobo que está na cerna da celebración.
As pezas comentadas compartiranse na sección das Letras Galegas 2025 da web www.academia.gal. Todas elas forman parte do fondo arquivístico dixitalizado.
Margarita Ledo salienta a disposición frontal e a nitidez da instantánea, na que as mulleres do centro da imaxe portan cadansúa pandeireta e o home parece disposto a empezar a tocar o violín.
Semella pensada para unha carta-postal e fala da condición de fotógrafo profesional do autor, diferente do amador ou da foto de artista. Canto aos instrumentos musicais e a roupa das persoas que Prieto Guerra retrata, «connotan a cultura campesiña» –creadora, xunto coa mariñeira, do cancioneiro– e tamén «a actividade festeira en troca duns poucos reais», explica. «Mais, de modo singular, esta foto míranos dende o corpo dunha clase social que pouco a pouco se vai afacendo á fotografía», engade a cineasta e catedrática de Comunicación Audiovisual.
Ledo compara así «os ollos desconfiados das rapazas» coa «decisión na actitude da figura central, a muller que organiza o grupo mentres ao seu redor o elemento masculino deixa esvaer un certo sorriso para se representar».
«De chegar esta imaxe da romaría en Santo Ourente algunhas décadas despois ás mans de Marcel Mauss, o pensador, case sociólogo, que innova e vai cara ás marxes do método porque vive cativado polas sociedades tradicionais, de seguro que localizaría en cada aceno, nas dúas mozas que se tocan apenas os dedos, a transmisión dun xesto social canda a tentativa de que nós, ao ollar a foto, queiramos formar parte da escena; desa dobre existencia, física e imaxinaria, que está na fotografía como construción», sinala Ledo.
A imaxe de Prieto Guerra consérvase no fondo do académico fundador Eladio Oviedo Arce (Noia, 1864-1918), quen lle debeu de encargar outras fotografías na zona da ría de Muros-Noia en distintos momentos, de acordo coa documentación gráfica conservada no arquivo da Academia e con correspondencia que intercambiaron. José Prieto Guerra realizou este retrato de grupo cara a 1890, na romaría de San Campio, Santo Ourente de Entíns (Outes), que se celebra a finais de setembro.
Romaría do mal cativo
Tamén chamada romaría do mal cativo, a romaría de San Campio gozou, e segue a gozar, de gran sona en Outes e nos concellos veciños. E, como suxire a estampa, a parroquia de Santo Ourente debeu de ser dende hai moito tempo berce de xente cantareira.
Alí chegou en xaneiro de 1979 Dorothé Schubarth, á procura de melodías e cantigas populares que cantaron para ela, entre outros veciños e veciñas, Mercedes, de 90 anos, Manola (58), Pelegrina (83) ou Beleiro (76), quenes entoaron coplas coma estas: San Campio é moi valente / que ten a ialma no ceo / i o corpo en San Orente; Romaría de San Campio / non che era para perdere / se Deus quere e non morro / para o ano hei de volvere; San Orente é boa terra / dun pino qu'había alí / fixen un barco de guerra / ai la la la ai la la / ai la la la la la ra la.
Unha copla sobre Malpica
A etnomusicóloga suíza tamén lle recolleu en Santo Ourente a Marisol (64 anos) estoutra copla igualmente incluída no Cancioneiro popular galego que publicou coa colaboración do académico Antón Santamarina: Malpica dos meus amores / o rei che quixo vendere / para mercar a Malpica / moitos cartos hai que tere.
O rexistro destes versos pode ser unha boa proba da popularidade alén da comarca dunha romaría á que tamén foron cantar as pandeireteiras de Mens, segundo indica José Manuel Fernández Pensado no volume As vellas de Mens, dedicado ás cantareiras e tocadoras de Malpica nas que a RAG personifica a homenaxe das Letras Galegas canda Rosa e Adolfina Casás Rama e mais Eva Castiñeira.
- El outlet Área Central de Santiago alarga este viernes su hora de cierre para convertirse en una 'Jungla' con descuentos del 50%
- Raxoi paraliza una obra ilegal frente al parque de Bonaval: 'Habéis roto un trozo de historia
- Sin atracciones y con la comisión agotada: O Castiñeiriño afronta un San Antón marcado por la falta de relevo generacional
- Avistan un ejemplar de la tortuga más grande del mundo en Fisterra
- El palacete de casi 2 millones en Santiago que 'recuerda a Downton Abbey': una joya arquitectónica que no encuentra dueño
- Un hombre que agredió sexualmente a una amiga en Santiago tras una noche de marcha, condenado a once años de prisión
- Un compostelano idea una pasarela mirador bajo el viaducto del Miño con vistas privilegiadas de Ourense: 'Ojalá sea una realidad
- El restaurante de Santiago que triunfa con sus cachopos: 'No tienen nada que envidiarle a los de Asturias

