Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Letras Galegas

A música popular resoa en Porto do Son para festexar o 17 de maio

A Casa da Cultura acolleu un certame musical con agrupacións locais

Actuación da agrupación Chorimas de Queiruga. | CEDIDA

Actuación da agrupación Chorimas de Queiruga. | CEDIDA

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Redacción

O Concello de Porto do Son sumouse este venres á conmemoración do Día das Letras Galegas cun acto musical que encheu a Casa da Cultura de sons e de voces da terra. O evento reuniu á veciñanza arredor dun certame de música tradicional e folclore galego, onde a tradición foi a gran protagonista da xornada.

O cartel estivo formado polas agrupacións Chorimas de Queiruga, Sonelas de Porto do Son e Alixeiras de Baroña, que ofreceron un repertorio baseado en pezas populares galegas, moitas delas transmitidas oralmente durante xeracións e con raíces na propia zona sonense.

A clausura correu a cargo de Carmela, co seu espectáculo Vinde todas, integrado dentro do programa FalaRedes da Xunta de Galicia a través da Rede de Dinamización Lingüística. Esta proposta musical, que parte dos arquivos e das informantes da tradición oral, ofrece unha lectura contemporánea da música tradicional, mesturando percusións ancestrais con sonoridades electrónicas e reivindicando a voz das mulleres como eixo do discurso.

Con esta programación, o Concelo de Porto do Son acentuou a importancia da tradición oral como motor de identidade, nun ano no que as cantareiras e a poesía popular son as homenaxeadas en toda a comunidade. Neste sentido, a música volveuse onte a mellor ferramenta para lembrar a cultura galega e demostrar que non deixa de soar.

Tracking Pixel Contents