Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

A Xunta renova os pavimentos esgotados dos portos de Ribeira e A Pobra

As obras xa están executándose esta semana e o investimento ascende a 180.000 euros

Obras de asfaltado na zona portuaria da Pobra

Obras de asfaltado na zona portuaria da Pobra / X. G.

Ribeira

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, inviste 180.000 euros na renovación de pavimentos esgotados nas zonas portuarias de Ribeira e A Pobra do Caramiñal. As obras atópanse en execución esta semana e permitirán dotar de novos firmes as explanadas e os viarios que presentaban necesidades en ambos portos, así como repintar a sinalización horizontal.

Ambas actuacións enmárcanse nun plan global para 26 dársenas autonómicas no que Portos de Galicia inviste 1,6 millóns de euros para substituír e reforzar os pavimentos esgotados. No marco deste plan executaranse obras que inclúen a dotación de novas capas de firmes de reforzo, a reposición naquelas zonas nas que o pavimento fora esgotado e a reposición de firmes de formigón armado, ademais de labores de saneo de explanadas.

Unha das rúas da zona portuaria de Ribeira que se vai asfaltar

Unha das rúas da zona portuaria de Ribeira que se vai asfaltar / X. G.

Como complemento destas actuacións, atenderase tamén a deixar a cota os pozos, arquetas e sumidoiros existentes e pintarase nova sinalización horizontal. Deste xeito, Portos de Galicia prevé mellorar a seguridade viaria de condutores e peóns que transitan pola zona.

En concreto, no porto de Ribeira executarase un novo pavimento en varias zonas do peirao, o aparcadoiro da lonxa, o paseo das Carolinas e a avenida do Malecón. O orzamento total desta actuación é de 140.000 euros.

Polo que respecta á Pobra do Caramiñal, os traballos realízanse na rúa Fernández Varela, entre a rúa da Paz e a rúa Anxo Rei Ballesteros, no acceso aos peiraos do club náutico e no porto pesqueiro. O orzamento será de 40.000 euros e incluirá a posta a conta de tapas e rexillas de sumidoiro e reposición de marcas viarias. 

Tracking Pixel Contents