Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Aprobados os orzamentos da Pobra para este ano: "Con menos débeda" e cunha suba do 18%

As contas son «realistas e axustadas ás necesidades da veciñanza», segundo o Goberno

Haberá 1.500.000 euros para investimentos

Pleno extraordinario da Pobra

Pleno extraordinario da Pobra / Cedida

A Pobra

Nun pleno extraordinario celebrado este xoves, o Concello da Pobra aprobou de xeito definitivo o orzamento municipal para o exercicio 2025. Trátase, segundo destacou o concelleiro de Facenda, Eloy Sobrido, do documento económico "con menos débeda e máis servizos para a veciñanza", que experimentou unha suba do 18,52%, chegando aos 10.860.000 euros.

Neste sentido, o edil de Facendo engadiu que é un documento "realista e axustado ás necesidades da veciñanza no que se impulsan as partidas dedicadas a Servizos Sociais, ao mantemento e que conta, ademais, cunha partida de investimentos de preto de 1,5 millóns de euros".

Con respecto ao exercicio anterior, foron varios os capítulos que experimentaron unha suba. Entre eles, os que se dedican ao mantemento co obxectivo de "garantir que as vías, camiños, mobiliario urbano e outros elementos de titularidade municipal se atopen nas mellores condicións posibles". Así, a partida para limpeza viaria e rozas increméntase nun 82%, chegando aos 128.000 euros, mentres que os fondos para pintado de sinalización horizontal aumentan en 10.000 euros. Tamén soben os recursos para asfaltado (80.000 euros) e rebacheo (50.000 euros). Ademais, por primeira vez, inclúese unha partida específica de máis de 20.000 euros para a compra e a reparación de mobiliario urbano.

Pola súa banda, o capítulo de investimentos achégase a 1,5 millóns de euros e, nel, recóllense algúns proxectos que o goberno local cualifica como "estratéxicos" para seguir mellorando os servizos e infraestruturas para a veciñanza. A relación de obras inclúe a instalación de saneamento na parroquia de San Isidro (236.157,48€), a execución da pasarela peonil na Mercé (131.804,19€), a pista de pádel e as melloras no recinto deportiva Raquel Soler (45.148,51€), a mellora das infraestruturas turísticas na praia da Lombiña (54.022,39€) e a reforma do espazo coworking do edificio do Lagar (48.222,85€).

Ademais, dende o Goberno local destacan que o orzamento conta cun claro carácter social, algo que se ve reflectido na suba de 200.000 euros nas partidas de Servizos Sociais e Atención Domiciliaria.

Tracking Pixel Contents