Entrevista | Francisco Calo Alcalde de Outes
Francisco Calo, alcalde de Outes: «Este Goberno será o do contacto diario coa veciñanza e cun alcalde ao 100%»
O novo rexedor fai balance dos tres meses que leva á fronte do Concello tras a moción de censura que acabou co Executivo tripartito

O alcalde de Outes, Francisco Calo, na sede de El Correo gallego. / Javier Rosende Novo

Francisco Calo é alcalde dende o 25 de febreiro tras unha moción de censura apoiada por un concelleiro tránsfuga do PSOE que presentou «por responsabilidade» e tras meditalo moito. Nos dous anos que lle quedan de mandato, o rexedor do PP márcase como retos aprobar o contrato do SAF e mellorar vías e infraestruturas municipais que, sostén, sofren anos de abandono.
_Estamos practicamente no ecuador do mandato municipal, pero non leva vostede nin 100 días sendo alcalde. É pronto para facer balance?
_É certo que non pasaron nin 100 días, pero podo dicir que o balance é positivo. Están sendo semanas de moito traballo, moi intensas, configurando o Goberno e aprobando os orzamentos, as dúas premisas que nos marcamos na arrancada e xa estamos dándolle ao Goberno o carácter que queremos darlle, que é o do contacto diario coa veciñanza. A xente está acudindo masivamente ao Concello para transmitirnos as súas inquedanzas e necesidades pendentes de atender. Niso estamos, atendendo os veciños, para poder tomar medidas acordes a estas necesidades.
_É dicir, que ten o despacho cheo todos os días...
_Si. Un dos cambios que houbo é que pasamos a ter un alcalde ao 100%, algo que non sucedía dende o ano pasado e que se estaba demandando. A veciñanza busca a figura do alcalde para transmitirlle os seus problemas, e xa temos moitos asuntos para resolver.
"Os veciños ían ao concello e non atopaban a quen dirixirse"
_Non estaba o seu predecesor a disposición da veciñanza?
_O anterior alcalde aprobara en setembro pasado unha dedicación do 20% e, polo tanto, a súa presenza baixara moitísimo. Practicamente viña tres mañás á semana. Os veciños ían ao Concello e non atopaban a quen dirixirse. E iso tamén deu lugar a tensións no seo do anterior Goberno.
"Presentar a moción de censura non foi unha decisión fácil, pero si meditada"
_Foi un dos detonantes da moción de censura?
_O anterior Goberno non ganara as eleccións, non contaba co apoio maioritario nas urnas; nós si. Pero foi o pleno o que nomeou o anterior alcalde e foi o pleno o que o destituíu. O PP quedou a preto de 60 votos dunha maioría absoluta e, no momento en que o concelleiro do PSOE abandonou o Goberno, o tripartito deixaba de ter apoio no pleno. Nós temos un proxecto, grupo para gobernar, eu sentíame preparado, as circunstancias déronse e, nun exercicio de responsabilidade, demos un paso á fronte. Non foi unha decisión fácil, pero si unha decisión responsable.
_Ese concelleiro tránsfuga do PSOE está no seu Goberno como responsable de Deportes. A súa expulsión do partido non é firme aínda. Cando o sexa, vaino apartar do Executivo?
_Ata o de agora, esa é unha cuestión entre José Antonio Caamaño e o seu partido. Chegado o momento, teremos que avaliar a situación e tomar unha decisión. De momento, traballamos no día a día.
_En todo caso, vai ter en conta o pacto antitransfuguismo que ten asinado o PP?
_Non vou anticipar ningunha decisión. Polo momento é un tema entre Caamaño e o seu partido.
"Non vou anticipar ningunha decisión sobre José Antonio Caamaño. Polo momento traballamos no día a día"
_Enténdese ben con el?
_O Goberno está funcionando ben e de maneira fluída, como un equipo que traballa de forma conxunta. Antes, os veciños transmitían constantemente que parecía que había tres gobernos diferentes.
_En que se traducía iso na xestión cotiá?
_Non pode ser que se deixen de atender asuntos prioritarios para facer outras actividades menos necesarias. Constatámolo cando vimos que tiñamos que axustar determinadas partidas orzamentarias. Por exemplo, a do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que non tiña fondos suficientes para chegar a fin de ano. Hai que tomar decisións con sentido común.
_Que foi o que máis lle sorprendeu nestes tres meses de alcalde?
_A situación económica do Concello. Sorpresa non foi, sabiamos que era bastante deficiente.
_Como a da inmensa maioría dos concellos...
_En 2019 o anterior Goberno atopou unha situación económica boa, sen débedas con entidades financeiras, cun remanente importante e unha liquidez no Concello de 4.600.000 euros. O día da moción de censura aseguraron que marchaban con todas as facturas pagadas e que deixaban un remanente de 780.000 euros. Pero ese mesmo día vimos que había 365.000 euros pendentes de pago e, entre nóminas e Seguridade Social, outros 900.000 euros para pagar. Aínda nos falta o dato do remanente de Tesourería. Ter toda a información é básico para poder facer unha planificación.
_En todo caso, cales van ser as prioridades para estes dous anos?
_Imos escoitar os veciños e atender as dúas demandas, empezar a traballar nos orzamentos de 2026 e sacar adiante o contrato do SAF. Tamén é prioritario o ciclo da auga e mellorar a rede de saneamento. O ano pasado apareceu unha contaminación microbiolóxica na rede de abastecemento e unha das razóns foi a falta de mantemento das instalacións. O mesmo pasa con moitas infraestruturas municipais, sobre todo nos accesos ás aldeas e aos núcleos urbanos. Moitos viais están nunha situación lamentable. Tampouco temos obras no Plan Único da Deputación, porque o anterior Goberno só meteu gastos xerais. Hai que buscar o financiamento para facer todo isto.
_Disposto a petar na porta da Xunta?
_Sempre defenderemos os intereses dos nosos veciños ante a Xunta, a Deputación da Coruña e o Goberno central, se fai falta.
- Treinta camiones al día, 63.500 t de residuos y 50.947 m3 de aguas industriales: los peros a la planta de biogás de A Laracha, en cifras
- Crónica social compostelana | Alicia Molanes y Jorge Mirás ya son padres primerizos
- Emotiva despedida en el Peleteiro: más de 150 alumnos ponen fin a su etapa en Bachillerato
- Hablan los okupas de Bertamiráns: 'Solo pedimos una oportunidad
- Un hombre recibe una paliza de tres individuos a plena luz del día en el barrio de la Almáciga
- Los 6 clubs de lectura que llenan las librerías de Santiago: del casco histórico a O Castiñeiriño
- Así es la terraza más desconocida de Santiago: un oasis secreto para desayunar entre árboles centenarios
- La fiebre por las tartas de queso aterriza en Galicia con un gran festival cerca de Santiago



