O Bloque solicitará no Parlamento galego formación para o persoal das carpinterías de ribeira
Ana Pontón recolleu en Outes as demandas do sector

Ana Pontón, segunda pola esquerda, con outros dirixentes do BNG ante unha embarcación de madeira en Outes. / Cedida
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo este venres en Outes un encontro con distintos responsables de estaleiros de ribeira, na sede de Lago Abeijón, para coñecer de primeira man un sector importante no concello e na comarca en termos de creación de emprego. Un tipo de estaleiros que permiten atender as necesidades de reparación, modernización e mesmo a construción de embarcacións pesqueiras de ribeira.
“É un sector económico clave para Outes, unha actividade industrial moi importante para este concello, pero tamén é un servizo clave para un dos eixos económicos máis importantes do país, como é todo o que ten que ver coa pesca, co marisqueo ou co sector bateeiro, que precisan do tipo de servizos que prestan os estaleiros de ribeira”, explicou a líder do BNG.
Pontón recolleu unha das demandas expostas polo sector durante a reunión: a falta de man de obra formada que garanta a remuda e a continuidade da carpintería de ribeira e comprometeu que o BNG levará este asunto ao Parlamento galego.
“É unha cuestión na que debe haber unha maior implicación da Administración, porque a falta de relevo e de man de obra para atender toda a demanda é un lastre para esta actividade económica e, como explican os propios responsables das empresas, dispoñer de persoal cualificado permitiría crear máis postos de traballo no sector”, sinalou.
Nese sentido, o Bloque defende que exista no ámbito comarcal de Outes “formación vinculada tanto coa carpintería metálica como coa carpintería de madeira, precisamente para garantir a remuda formando mozos e mozas que podan ver aquí unha oportunidade de futuro”, explicou Pontón.
“Precisan de máis apoio e van ser iniciativas que levaremos ao Parlamento porque cremos que é importante o apoio e o recoñecemento desta actividade de reparación e construción de barcos, singularmente en Outes, unha actividade centenaria con empresas que son xa un símbolo industrial da comarca”, emgadiu.
Pontón tamén visitou o proxecto turístico Cabañitas do Bosque, unha iniciativa de desenvolvemento sustentable “que pon en valor outra forma de visitar e de gozar do noso territorio que, ademais, aporta dinamismo económico á comarca”, dixo.
"Proxectos destas características son un exemplo de emprendemento de calidade no medio rural, desde o respecto ao territorio e ao medio ambiente; un claro exemplo do potencial e do futuro que ten o noso medio rural e da capacidade emprendedora no rural", sinalou.
A líder do Bloque estivo acompañada por Rosana Pérez e Brais Rúanova, portavoces de Pesca e de Industria no Parlamento, e polo portavoz municipal, Anxo Núñez, e quixo aproveitar a visita a Outes "para deixar claro que o BNG segue traballando para fortalecer o apoio social neste concello co obxectivo de darlle unha alternativa de futuro nas próximas eleccións municipais, porque o noso compromiso para traballar a favor da veciñanza segue intacto”.
- La propuesta que vuelve a poner en el foco la visita del Papa a Santiago: León XIV deja en el aire su presencia en 2027
- Continúa activo el incendio forestal en Padrón que ya ha calcinado 80 hectáreas
- La expropiación de terrenos para construir 3.609 viviendas en el Ensanche Norte de Santiago llegará a un máximo de 12 euros el metro cuadrado
- El pueblo gallego que esconde cinco playas paradisiacas: arena blanca, aguas turquesa y un paseo a 50 metros de altitud
- La panadería con una de las tartas de queso más queridas de Santiago: 'Nacimos con ella y moriremos con ella
- Cortes por las obras de la autovía Santiago-A Estrada en la AC-241 de Teo durante dos semanas y media
- Santiago pondrá una pantalla gigante para ver a España en el Mundial
- Vuelve el cine al aire libre a la Alameda de Santiago con votación para elegir las películas

