Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Boiro atalla o acoso escolar nas aulas: o curso remata con 90 sesións grupais de pais, alumnos e profesores

O proxecto municipal EnClave incluíu actividades para mellorar a saúde mental e a hixiene bucal e para detectar problemas visuais, de dislexia ou de TDH/TEA

José Ramón Romero e Carmen Silva.

José Ramón Romero e Carmen Silva. / Cedida

Boiro

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e a concelleira de Ensino, Carmen Silva, presentaron este mércores o balance do programa integral de educación, igualdade e saúde levado a cabo no curso 2024-2025 polo Concello, denominado EnClave.

O proxecto, que comezou a desenvolverse no ano 2021, conta cun financiamento de 51.902 euros e forma parte da aposta do Concello de Boiro por unha educación de calidade que constrúa unha sociedade xusta e equitativa, cunha poboación saudable e máis capaz de participar e contribuír á igualdade social.

Conta con áreas de actuación diferenciadas con distintos programas a desenvolver nos centros de ensino. A primeira das áreas é a de Igualdade e Diversidade, na que se desenvolveu o programa de intervención e prevención do acoso escolar, unha proposta que combinou a intervención directa co alumnado e a formación e implicación do profesorado e das familias. Realizáronse un total de 90 sesións grupais e 39 individuais, nas que se abordaron temáticas como o concepto de bo querer, autoxestión emocional, empatía e responsabilidade afectiva…

Dentro desta área tamén se desenvolveu o programa de detección temperá da dislexia e TDH/TEA coa Facultade de Psicoloxía da USC, un programa no que se traballou co alumnado de 1º a 3º de Primaria para facer un diagnóstico previo para detectar posibles casos e ver a necesidade de establecer protocolos de intervención para paliar as posibles repercusións do alumnado no seu rendemento académico, emocional ou social.

O segundo dos grandes bloques é o de Saúde e Benestar, no que se desenvolveu o programa de hixiene bucodental en colaboración coa Facultade de Odontoloxía da USC e no que se fixeron un recoñecemento previo do estado xeral da saúde bucodental dos escolares e unha avaliación do coñecemento dos nenos en canto a hixiene bucodental, dieta carioxénica e consumo de azucres.

Dentro desta área desenvolveuse tamén o programa de avaliación optométrica e visual coa Falcultade de Óptica e Optometría da USC, que realizou un cribado visual no alumnado de 2º e 3º de Primaria para detectar anomalías que de xeito xeral pasan desapercibidas.

Outro dos programas levados a cabo foi o de intervención en saúde mental, que permite unha intervención temperá que evita a cronificación de trastornos emocionais e a diminución dos casos de ansiedade leve-moderada e en conductas disruptivas.

A terceira gran área é a de Educación, na que se desenvolveu o programa de educación emocional para traballar na súa expresión oral e corporal mediante o xogo dramático e o teatro emocional.

“Trátase dun proxecto dunha dimensión moi ampla e cunha valoración moi moi positiva en todos os programas, que aborda as principais problemáticas detectadas no ámbito educativo polas familias e o persoal docente”, afirmou a concelleira Carmen Silva.

O proxecto EnClave é un programa innovador que busca atallar as principais problemáticas que se detectan nos centros de ensino e ten como finalidade a redución significativa dos casos de acoso escolar, unha maior conciencia e sensibilización sobre a importancia da saúde mental e conseguir un alumnado máis empoderado emocionalmente, capaz de xestionar as súas emocións e resolver conflitos de maneira pacífica.

“A pesar de non ter as competencias en Educación imos seguir apostando por levar adiante este programa, adaptándoo ás novas necesidades que vaian xurdindo, porque os resultados amosan que favorece unha mellora da convivencia nos centros e da saúde dos nosos rapaces e rapazas”, afirmou o alcalde. 

Tracking Pixel Contents