Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

OBRADOIRO

Os nenos de Lousame descobren os segredos dos minerais no Museo das Minas de San Finx

Os obradoiros foron guiados polo xeólogo Fran Canosa

Un dos obradoiros sobre minerais impartidos no Museo das Minas de San Finx

Un dos obradoiros sobre minerais impartidos no Museo das Minas de San Finx / Cedida

Lousame

Sesenta nenos e nenas, de entre 6 e 15 anos, participaron no Taller de Minerais organizado polo Concello de Lousame, en colaboración coa Deputación da Coruña, no Museo das Minas de San Finx. Un obradoiro gratuíto impartido polo xeólogo Fran Canosa para achegar o mundo dos minerais á rapazada lousamiá.

Os pequenos gozaron dunha demostración de minerais fluorescentes

Os pequenos gozaron dunha demostración de minerais fluorescentes / Cedida

O tenente de alcaldesa de Lousame, Esteban Ares García, amósase moi satisfeito pola participación rexistrada xa que "inicialmente programamos unha sesión para vinte pequenos e ao final tivemos que triplicar as sesións para poder dar resposta á demanda das familias de Lousame. Unha actividade educativa na que os nosos nenos e nenas aprenderon moito sobre o mundo dos minerais”.

O xeólogo Fran Lago amosándolle minerais aos escolares de Lousame

O xeólogo Fran Lago amosándolle minerais aos escolares de Lousame / Cedida

Fran Canosa comezou o obradoiro ensinándolles aos nenos e nenas a diferenciar un mineral do que non o é. Acto seguido, amosoulles medio cento de minerais de distintas partes do mundo, algúns deles das propias Minas de San Finx, para que os nenos e nenas puideran analizar a súa cor, dureza, brillo, forma, transparencia... Cada unha das tres sesións, de 50 minutos de duración, incluíu tamén unha demostración de minerais fluorescentes, que os pequenos realizaron ás escuras e coa axuda dunha lámpada de raios ultravioleta.

Tracking Pixel Contents