Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lousame dedicará este ano a gasto social máis do 29% do orzamento

Prevense melloras viais en Chave, Cairo, Capelo, Pascual, Agriño e Valdueira

A alcaldesa, Teresa Villaverde, centro, presidindo o pleno dos orzamentos de 2025.

A alcaldesa, Teresa Villaverde, centro, presidindo o pleno dos orzamentos de 2025. / Cedida

Lousame

A Corporación municipal de Lousame aprobou, cos votos a favor do PP e os votos en contra de PSOE e BNG, o orzamento de 2025, que medra ata os 4.006.077 € (un 7,15% máis que o de 2024) e que destina máis do 29% a gasto social.

O documento reserva unha partida de 1.167.353 euros para o mantemento de servizos como o centro de día, o Punto de Atención á Infancia ou o Servizo de Axuda no Fogar, tanto na modalidade de dependencia como no de libre concorrencia.

A melloras de viais destinaranse 797.017 euros, un 10,8% máis que o ano pasado. «Contémplanse seis proxectos de mellora de accesos a núcleos de poboación: en Chave, no acceso a Capelo dende a AC-308, no núcleo de Cairo, no acceso a Pascual, no viario a Agriño e nos accesos a Valdueira», explicou a alcaldesa, Teresa Villaverde.

Tamén se contempla a mellora dun viario en Ces e dunha pista de Marracín de Arriba a Sanguiñal, así como unha obra de saneamento en Gandarela.

O voceiro socialista, Juan José Prego, xustificou o seu voto en contra sinalando que o orzamento «é un calco do do ano pasado», e o do BNG, Anxo Moledo, cualificouno de «malo e continuista», lamentando que non se celebrara unha xuntanza de voceiros antes do pleno.

Na sesión aprobáronse tamén, coa abstención da oposición, tres expedientes de modificación de crédito. Un suplemento de crédito de 52.291 € con cargo ao remanente de Tesourería destinarase a financiar a achega municipal ao convenio asinado coa Xunta para mellorar o espazo público viario de Camboño. Esta actuación, enmarcada no Plan Hurbe, suporá un investimento de 385.000 € para a mellora do espazo público viario e da zona de esparexemento dos veciños desa zona.

O segundo suplemento de crédito, de 29.073 euros e financiado con cargo a baixas noutras partidas, recolle catro actuacións: o equipamento cultural, a pista de Fruíme a Silvarredonda, o acceso a Valdueira de Berrimes e o saneamento en Gandarela.

O terceiro modificativo de crédito permitirá destinar 13.801 euros a melloras dos equipos informáticos.

Tracking Pixel Contents