Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PROGRAMA

Trece chefs con vinte estrelas Michelin descobren a gran ‘despensa’ do mar en Barbanza

O evento Saudade arrincou na Pobra entre viñedos, bateas e peixe fresco

Participantes no encontro co vicepresidente da Deputación e alcaldes na Pobra

Participantes no encontro co vicepresidente da Deputación e alcaldes na Pobra / D. C.

A Pobra

A Pobra do Caramiñal acolleu a primeira xornada de Saudade, o evento organizado por Turismo da Deputación que reúne a 13 chefs con máis de 20 estrelas Michelin co obxectivo de promocionar o sector agroalimentario da Coruña. Entre viñedos, bateas e o peixe máis fresco, os asistentes descubriron de primeira man o que hai detrás dalgúns dos produtos máis emblemáticos do mar.

Comezaron o día na adega Entre os Ríos (A Pobra), onde tiveron a oportunidade de coñecer a súa historia, os viñedos e o proceso de cultivo do viño, e tamén gozar dunha cata mariñada con conservas. Despois, trasladáronse á praia de Cabío para degustar algúns dos produtos do mar máis representativos do territorio.

Poxa na lonxa de Ribeira

De alí viaxaron ata Ribeira para embarcarse nun bateeiro para ver como é o proceso de captura dos mexillóns, e depois á lonxa, para seguir unha poxa nun dos mercados máis relevantes do país. Para rematar, o compostelán Mercado de Abastos acolleu unha cea a base de produtos locais na que participaron tamén a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a concelleira de Turismo, Miriam Louzao, e o edil de Mercados, Xan Duro.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, exerceu de anfitrión, xunto aos alcaldes de Ribeira, Luís Pérez, e A Pobra, José Carlos Vidal, e a edila Patricia Lojo, que acompañaron durante a visita aos recoñecidos chefs Alberto Chicote, Diego Guerrero, Paco Morales, Aitor Arregi, Maca de Castro, Begoña Rodrigo, Andoni Luis Aduriz, Toño Pérez e os galegos Javi Olleros, Xosé Cannas, Manuel Costiña, Lucía Freitas e Pepe Solla.

Protagonismo dos produtores

Regueira destacou que o «protagonismo» do evento «é dos nosos produtores e produtoras locais, que están facendo un excepcional traballo de compromiso co territorio, innovación e ao mesmo tempo de gran calidade e autenticidade, polo que queremos celebrar este momento doce do noso sector tanto agroalimentario como da restauración». Outro dos obxectivos do encontro é «visibilizar o seu traballo e que fagan negocio ante un público de tan alto nivel».

Os cociñeiros, engadiu, «non veñen cociñar, senón a prescribir territorio e produto, e a sorprenderse. Veñen coñecer produto, territorio e sector».

En total son quince os produtores que estarán presentes nas xornadas ofrecendo mostras da súa materia prima: A Conserveira, Bonilla a la Vista, Cafés Lúa, Chichalovers, Cienporcel Abastos, Empanadas Costumes Galicia, Empanadas Ternura, Galmesán, A Despensa D`Lujo, Mariscos de Barallobre, Orixes Galegas Porco Celta, Pagos de Brigante, Percebe da Barca Muxía, Vermú Lodeiros e Xearte Brigitte.

En Bergantiños achegaranse aos produtos do campo

Este martes a actividade trasládase a Bergantiños, cunha xornada dedicada á terra, en Coristanco. As actividades previstas poñerán en valor os produtos do campo, dando a coñecer tamén os procesos de cultivo sostible e o seu papel na gastronomía contemporánea. Así, o programa inclúe un encontro con produtores locais da provincia, profesionais do sector e chefs para compartir e intercambiar opinións e experiencias.

Haberá unha primeira mesa de debate, ás 12.00 horas, sobre Raíces sostibles: Produto, Territorio e Cultura Alimentaria, na que participarán o chef Paco Morales (3*) e a chef Lucía Freitas (1*), o divulgador científico José Miguel Mulet, e Lucía Calvo, da Despensa D’Lujo.

Despois celebrarase outra baixo o lema Facer País: Innovación, Sustentabilidade e Paisaxe Emocional, na que participarán os chefs Andoni Luis Aduriz (2*) e Xosé Cannas (2*), a xornalista gastronómica Lakshmi Aguirre, e Senén Barral, responsable do Departamento de Innovación, Infraestruturas e Servizos de Restauración de Inditex. A xornada finalizará cunha comida tradicional.

O proxecto está deseñado para resaltar a excelencia e diversidade dos produtos locais, e brinda aos participantes a oportunidade de vivir unha experiencia sensorial única, permitíndolles conectarse coa orixe e a elaboración de cada ingrediente. A primeira xornada deixou un bo sabor de boca. «Esta terra é un privilexio», subliñaron algúns dos chefs.

Tracking Pixel Contents