Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

POLÍTICA MUNICIPAL

Rexeitado o plan das axudas nominativas ás entidades sociais e culturais de Ribeira

PP e o PBBI amosaron o desacordo con dúas das subvencións propostas

Pleno da Corporación de Ribeira no que foi rexeitada a proposta de axudas

Pleno da Corporación de Ribeira no que foi rexeitada a proposta de axudas / C. R.

Ribeira

As discrepancias no seo do Goberno tripartito de Ribeira (BNG, PSOE e PBBI) impediron que saíse adiante a proposta de concesión de subvencións nominativas para entidades sociais, culturais, deportivas e económicas do municipio, ao votar en contra os edís de PP e PBBI. A concelleira de Facenda, Herminia Pouso (PBBI) criticou que o alcalde incluíse a proposta na orde do día «sen ter o consenso do Goberno», e manifestou o disenso do seu grupo lembrando que o Concello debe cumprir un Plan Económico Financieiro e «á subida anual nesta proposta chega a un 16%».

Asemade, amosou o desacordo do PPBI coa subvención ao festival Mares do Fin do Mundo porque segundo sinalou «non se lle aprecia retorno económico». Tamén manifestou o desacordo co incremento da partida da Mancomunidade Barbanza Arousa e o que se paga a maiores da subvención nominativa correspondente á Festa da Dorna.

Sen diálogo e consenso

Igualmente, a portavoz do PP, María Sampedro, criticou que se presentase unha proposta «que non están nin consensuada no Goberno» e rexeitou, ao igual que os Independentes, as partidas adicadas a Mares do Fin do Mundo e á Mancomunidade. Por iso, pediu ao alcalde que «poña os pés na terra e sexa consciente da realidade, pois non pode gobernar sen diálogo e consenso». Pedíulle que negocie con todos os grupos «e en 15 ou 20 días presente unha proposta que teña o beneplático de toda a Corporación».

O rexedor, Luís Pérez, argumentou que a subida dun 16%, respecto ao ano anterior, correspóndense cunha obriga aprobada por unanimidade en Pleno para o Encontro de Embarcacións Tradicionais organizado por Culturmar (40.000 €) –de carácter puntual neste exercicio–, e 10.000 euros máis que proceden dun acordo adoptado pola Mancomunidade de Concellos da Arousa Norte. «Polo tanto, non existe tal incremento estrutural no gasto, senón o cumprimento de compromisos institucionais xa asumidos», afirmou.

Defendeu tamén a subvención nominativa do festival Mares do Fin do Mundo, que ascende a 18.000 euros, sinalando que é unha cita que tamén está subvencionada pola Deputación da Coruña e pola Xunta de Galicia. «É unha subvención asumible para cinco xornadas onde hai actividades de mañá, tarde e noite», afirmou.

Respecto do aumento da partida da Mancomunidade argumentou que a subida vén marcada por dous factores: polo mantemento dos sendeiros e o Camiño de Santiago en tódolos concellos da Mancomunidade, e polo «drástico recorte de 60.000 € por parte de Turismo de Galicia».

Bloque de 350.000 euros

Dende o seu grupo, o BNG,  lamentan "profundamente o voto en contra de PP e PBBI" e sinalan que esta decisión "supón bloquear 353.000 euros destinados directamente ao funcionamento de entidades sociais, culturais, deportivas, comerciais e veciñais do noso municipio".

Din que se trata "dun feito especialmente rechamante que o Partido Popular non as aprobe" cando non só se manteñen as que incluía o PP nos seus anos de mandato, senón que hai máis entidades sociais beneficiadas e con maior importe. "Estas subvencións contaban historicamente cun consenso maioritario por parte da Corporación Municipal. Agora, por interese partidista, PP e PBBI deciden impedir que estes fondos cheguen ás entidades que dan vida, apoio e servizo á sociedade ribeirense", afirman.

TEMAS

Tracking Pixel Contents