‘Amadriña unha besta’: o outro plan de repoboación para o monte de Froxán
A Fundación Naiterra pretende recuperar a presenza dos cabalos salvaxes en Lousame, un proxecto que se pode apoiar cun euro

Noa e Estrelada, as primeiras bestas que se sumarán á primeira grea que se liberará este mes no monte de Froxán. / Joám Evans
Na Serra do Barbanza, as paisaxes abertas de queirogal están a desaparecer e degradarse debido á expansión do eucalipto e acacia, e á matorralización derivada da reducción dos cabalos salvaxes e a desaparición doutros usos tradicionais. O resultado é unha paisaxe con menor biodiversidade e moi inflamable, que sofre incendios recurrentes, con cada vez menor resiliencia e capacidade de proveer de servicios ecosistémicos á poboación que rodea a serra, como é a auga.
Desde os anos noventa produciuse un declive xeneralizado das poboacións de cabalos salvaxes, especialmente logo da introdución a partir de 2008 da obrigatoriedade de rexistro e identificación de microchip (ao equiparse legalmente a cabalos domésticos) e os conflitos de uso. O colapso das greas tamén levou á desarticulación das poboacións de lobo e a un aumento da conflituosidade con esta especie.
Neste contexto, a Fundación Naiterra puxo en marcha o proxecto A volta das bestas, que busca recuperar a presenza de cabalos salvaxes no monte de Froxán, en Lousame, recoñecido en 2017 pola ONU como Área Conservada por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais.
As bestas son fundamentais para reducir o risco de incendios, controlar a biomasa, evitar a perda de solo, reter carbono e manter hábitats prioritarios como as turbeiras ou os queirogais húmidos atlánticos. Co apoio de Naiterra introduciranse as primeiras éguas a mediados deste mes, que se sumarán ao garañón adquirido pola Fundación Montescola para formar a primeira grea que se liberará no monte.
Ao mesmo tempo, botou a andar unha campaña de micromecenado (crowdfunding) coa que calquera persoa poderá amadriñar unha besta mediante unha achega de apenas un euro ao mes, a través da plataforma Teaming.
As achegas, cunha deducción do 80% no IRPF, servirán para aumentar a grea ata os 10 cabalos nos próximos meses, así como para crear infraestrutura básica para o manexo e protección dos animais. Deste xeito, preténdese contribuír á reversión da perda de cabalos salvaxes, que pasou de 20.000 animais nos anos 70 a menos da metade, cuns centos de exemplares no Barbanza.
O proxecto A volta das bestas contribuirá a restaurar os hábitats de queirogal e turbeira e os procesos naturais mediante a recuperación do pastoreo natural con cabalos salvaxes. Isto fomentará unha paisaxe máis resiliente aos incendios complementando os esforzos que ven facendo a comunidade de Froxán na última década, plantando máis de 20.000 árbores frondosas e consolidando un cortalumes verde de case 50 hectáreas, que agora axudarán a manter os cabalos en liberdade.
- 100 años y una vida dedicada a la Iglesia: la historia de Ricardo Bello
- Así será el nuevo edificio que transformará esta zona de Santiago: 18 viviendas, locales comerciales y una fachada acristalada
- El 40% de las comunidades de vecinos gallegas registró solicitudes para prohibir los pisos turísticos
- El arzobispo de Santiago nombra a Roberto Martínez Díaz nuevo rector del Seminario Menor
- Media Galicia en alerta roja por calor mientras en este rincón sacan el paraguas: van más de 14 litros de lluvia acumulada este sábado
- Muere Manuel Lata Montoiro, fundador de la distribuidora industrial Comercial M. Lata de Santiago
- Últimas semanas para disfrutar de este parque acuático a dos horas de Santiago: 17 toboganes y una piscina panorámica para escapar del calor
- Las colas para entrar a la Catedral de Santiago llegan hasta el Casino: "Llevamos dos horas esperando"