Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SERVIZOS

Reciclaxe integral en todas as parroquias de Ribeira

O punto limpo móbil permitirá á veciñanza reciclar ata 10 tipos de residuos

Antía Alberte, esquerda, e Tania Redondo recepcionando o punto limpo móbil.

Antía Alberte, esquerda, e Tania Redondo recepcionando o punto limpo móbil. / C. Ribeira

Ribeira

As concelleiras de Ribeira de Servizos Municipais, Tania Redondo, e Medio Ambiente, Antía Alberte, recepcionaron un novo camión guindastre cun módulo de punto limpo móbil para recoller polas parroquias ribeirenses ata dez tipos de residuos de forma separada.

«Trátase dun punto limpo móbil que percorrerá todas as parroquias do municipio e permanecerá por un tempo determinado para que os veciños poidan reciclar os aparellos que se acumulan no fogar», afirmou Tania Redondo.

Antía Alberte, pola súa parte, destacou que esta nova adquisición supón «unha nova aposta en Ribeira para impulsar a reciclaxe e a separación pensando na sustentabilidade de cara ao futuro». Sinalou ademais que este punto limpo móbil «era moi demandado, o que demostra a implicación da veciñanza de Ribeira pola reciclaxe».

Xa o comprobamos no seu momento, engadiu, «coa incorporación do contedor marrón e dos composteiros individuais para as hortas». Este punto móbil facilitará ás persoas das parroquias de Ribeira facer o proceso de separación «dunha forma máis cómoda», subliñou.

Alberte avanzou que o contedor estará 15 días ou unha semana, dependendo da demanda dos veciños, en cada parroquia.

Este novo servizo municipal permitirá reciclar tintas, aerosois, pequenos electrodomésticos, materiais electrónicos de informática e telefonía, monitores e pantallas, xoguetes e outros plásticos duros que non sexan envases, lámpadas e fluorescentes, envases contaminados, aceites de cociña usados, pequena chatarra, cargadores, pilas, baterías e téxtiles.

O camión poderá ademais «asistir á brigada de Obras en traballos puntuais ou ao departamento de Servizos Municipais para o propio desenrolo de diferentes traballos».

Cento oito mil euros

O vehículo foi subministrado pola empresa Grúas y Autoventas Betanzos, S.L. por un custo total de 108.000 euros, que foron financiados con fondos NextGeneration da Unión Europea.

Tracking Pixel Contents