SEGURIDADE
Ribeira completa o cadro de persoal da Policía Local
Agora contan cun equipo de 27 membros en activo e 12 auxiliares

O alcalde recibindo ao novo axente, no centro, da Policía Local. / C. Carballo
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, recibiu hoxe ao novo membro da Policía Local que se suma ao corpo municipal. Con esta incorporación, o Concello logra completar o 100% do cadro de persoal que permite a lexislación vixente, sumando catro novos axentes e consolidando un equipo policial operativo con 27 membros en activo aos que se suman 12 auxiliares -8 de xuño a decembro e 4 de xaneiro a xuño-.
O rexedor expresou a súa satisfacción por alcanzar este obxectivo, que considera clave para reforzar a seguridade cidadá e mellorar a atención á veciñanza. "Hoxe é un día importante para Ribeira porque conseguimos completar o cadro da nosa Policía Local. Dispor de todas as prazas cubertas permítenos garantir maior presenza policial nas rúas e dar resposta ás demandas da cidadanía con máis rapidez e eficacia".
Subliñou que "a seguridade sempre foi unha prioridade" e lembrou algunhas das accións máis destacadas emprendidas neste ámbito. Entre elas, salientou a actuación fronte ao edificio das Avesadas, un inmoble ocupado que supuña un risco para a convivencia veciñal e a seguridade. "Tomamos medidas decididas para recuperar a tranquilidade no barrio. Logramos o seu desaloxo e propuxemos que ese inmoble se destine a vivenda pública, dando así unha saída social e útil a un espazo que antes era foco de preocupación cidadá", engadiu.
Ademais, o Concello, a través da Policía Local, realiza controis preventivos de consumo de alcol e drogas, campañas de seguridade viaria e educación cidadá, así como dispositivos especiais en eventos e zonas de maior afluencia.
"A nosa prioridade foi sempre garantir unha Ribeira tranquila e habitable. A Policía Local está a facer un gran traballo, tanto na prevención como na intervención, e seguiremos dotándoa dos medios humanos e materiais que precise”, afirmou Pérez Barral.
No mesmo acto, o alcalde anunciou que ao longo deste mes a Policía Local contará cun novo vehículo valorado en 38.000 euros, destinado a reforzar os medios técnicos do corpo. “A seguridade require non só persoal cualificado, senón tamén recursos materiais actualizados. Este novo vehículo é un investimento máis na profesionalización e eficacia da nosa policía”, engadiu.
Con estas melloras, o Concello continúa avanzando "na consolidación dun modelo de seguridade pública próximo, eficiente e comprometido coa veciñanza, reafirmando o seu obxectivo de facer de Ribeira un lugar máis seguro, ordenado e con mellores servizos públicos", concluíu Pérez Barral.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- El mejor quinteto de la historia del Obradoiro vuelve a reunirse
- Talan sin previo aviso un histórico abeto del campo de fútbol de Conxo: "Me han enterrado a un amigo dos veces"
- Ames y Teo se cuelan en el Top 10 de los concellos coruñeses de mayor renta
- Tres restaurantes con alma compostelana, entre las mejores aperturas de España
- As Cancelas revela al primer artista confirmado para su festival de música gratuito
- Galicia veda la pesca del salmón para la próxima temporada en todos sus ríos