Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SERVIZOS

A casa de acompañamento de Rianxo acollerá 59 maiores

Seguirá o novo modelo de atención impulsado pola Deputación

Julián Bustelo, segundo esquerda, e Valentín González, terceiro, en Rianxo.

Julián Bustelo, segundo esquerda, e Valentín González, terceiro, en Rianxo. / D. C.

Rianxo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, avaliaron o proxecto da futura Casa de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM), que se levantará nunha parcela municipal de 8.000 metros cadrados situada a carón do IES Félix Muriel. Será un dos tres centros que integran o novo modelo público de atención ás persoas maiores impulsado pola Deputación, que aposta por infraestruturas pequenas, humanas e integradas na comunidade.

González Formoso, destacou que as CAM «rompen cos modelos tradicionais de residencias e poñen no centro ás persoas. Non queremos construír almacéns, senón fogares. Apostamos por un modelo máis humano, máis próximo e máis digno, que permita ás persoas maiores vivir nun entorno familiar, conservando os seus vínculos afectivos e a súa autonomía», afirmou.

Pola súa banda, Bustelo sinalou que este proxecto «supón un paso adiante na atención ás persoas maiores e na mellora dos servizos sociais do municipio e da comarca». Amosou a súa confianza en que «as prazas se cubrirán axiña, porque a demanda é moi alta e a Xunta mantén pechadas as portas a novas residencias públicas na nosa comarca. Grazas á Deputación abrimos unha nova vía para ofrecer unha atención máis próxima e humana».

Espazos comúns, xardíns, horta e zonas de convivencia

A CAM de Rianxo organizarase en catro unidades convivenciais que, ofrecerán 59 prazas. As unidades contarán con cociña salón e espazos comúns que reproducen o ambiente dun fogar, evitando a estrutura institucional e hospitalaria dos centros tradicionais. A accesibilidade e a integración co entorno serán elementos fundamentais do deseño, que incluirá xardíns, horta, zonas de convivencia e espazos abertos para a relación coas familias e coa comunidade.

Entre os servizos previstos figuran atención médica xeriátrica, psicoloxía, traballo social, terapia ocupacional e fisioterapia, ademais de programas de estimulación cognitiva e actividade física. O centro incorporará tecnoloxía avanzada, con sensores de confort ambiental, sistemas de prevención de caídas, telemedicina e dispositivos intelixentes que mellorarán a seguridade e a personalización dos coidados.

Modelo europeo de quinta xeración

A iniciativa forma parte do plan provincial da Deputación da Coruña para crear tres Casas de Acompañamento nas Pontes, Ordes e Rianxo, inspiradas nos modelos europeos de quinta xeración implantados en países como Dinamarca, Suecia ou os Países Baixos. Estes centros, máis pequenos e de proximidade, buscan evitar o desarraigo das persoas maiores e favorecer a súa integración na vida comunitaria.

Catro mil persoas en lista de agarda

Galicia é unha das rexións máis avellentadas de Europa, cunha das ratios máis baixas de prazas públicas. En Galicia fan falta arredor de 5.000 prazas novas para acadar a media estatal. O presidente provincial lembrou tamén que “hai máis de 4.000 persoas en lista de agarda e debemos actuar con responsabilidade, aínda que non teñamos a competencia directa, porque as persoas maiores merecen vivir con dignidade e coidados de calidade”.

As Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores supoñen así un cambio de paradigma na atención social. “Trátase dun proxecto de pobo, de provincia e de país —concluíu Formoso—, que aspira a ser seguido por moitas outras institucións nos próximos anos”.

Tracking Pixel Contents