Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

A Xunta impulsa a modernización do complexo da piscina de Outes cunha achega de 65.000€

O acordo permitirá renovar maquinaria, instalar elevadores e mellorar o control da temperatura nas instalacións municipais

Diego Calvo, no centro, e Francisco Calo, segundo pola dereita, na piscina de Outes.

Diego Calvo, no centro, e Francisco Calo, segundo pola dereita, na piscina de Outes. / X. G.

El Correo Gallego

Outes

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde de Outes, Francisco Calo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para realizar melloras no complexo deportivo da piscina municipal. Segundo o acordo, a Xunta achegará máis de 65.000 euros, o que representa aproximadamente o 90% dun orzamento total superior aos 72.500 euros.

Entre as actuacións previstas destacan a renovación da maquinaria do ximnasio, a instalación de elevadores para persoas con mobilidade reducida e a mellora do sistema de control da temperatura, entre outras obras de mantemento e actualización, coa previsión de que estean rematadas antes de finais de ano.

Segundo Calvo, «esta medida enmárcase no compromiso da Xunta coas entidades locais e na aposta polo fomento dunha vida activa e saudable entre a poboación». O conselleiro lembrou que o complexo deportivo municipal constitúe un servizo básico de apoio ao benestar, facilitando o acceso á práctica regular da actividade física.

Ademais, a iniciativa súmase a outras achegas realizadas neste exercicio, que suman case 113.000 euros e incluíron melloras na accesibilidade da antiga escola unitaria, maquinaria para a protección do medio natural, conservación de rutas e climatización da casa consistorial. Nos últimos anos, o conxunto de investimentos da Xunta en Outes supera os 1,7 millóns de euros, segundo indicaron desde a Administración autonómica.

Trescentos usuarios diarios

“Falamos de actuacións moi necesarias e moi demandadas polos máis de 300 veciños que cada día pasan pola piscina e polo ximnasio”, ademais de facer uso das mesmas o alumnado do CEIP e do IES Francisco Añón, afirmou o alcalde, Francisco Calo. Recordou que a instalación abriu as súas portas en maio do 2007 e, dende aquela, "non sen ten feito ningunha mellora relevante".

“Temos tamén convenios con varias entidades deportivas e sociais como, por exemplo, o equipo de tríatlon que prepara as súas horas de natación na piscina, e o Centro de Día de Outes, cuxos usuarios acoden unha vez ao mes como terapia e, a partir de agora, poderán facelo sen limitacións coa mellora no acceso ó vaso da piscina”, explicou.

Por último, Calo quixo deixar claro que estas actuacións, que terán que levarse a cabo antes de que termine o 2025, non poderían ser unha realidade sen o investimento da Xunta. “Souberon entender as necesidades que tiñamos como Concello e, desta maneira, poderemos dar resposta ao que nos pedían os veciños”, concluíu.

Tracking Pixel Contents