Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

COMPRA

Ribeira incorpora a antiga fábrica de Conservas Cerqueira ao patrimonio municipal

Dedicarase a actividades sociais e acollerá un pequeno Museo do Mar

Luís Pérez e Manuel Aldao amosando o acordo de compra de compra do inmoble.

Luís Pérez e Manuel Aldao amosando o acordo de compra de compra do inmoble. / C. Ribeira

Ribeira

O Concello de Ribeira pechou a compra da antiga fábrica de Conservas Cerqueira S.A., para converter este emblemático inmoble nun ben público ao servizo de toda a veciñanza. A sinatura tivo lugar na nave emprazada en Banda ao Río e participaron o alcalde Luís Pérez, o representante da empresa Manuel Aldao e os concelleiros e concelleiras do goberno.

A adquisición desta nave industrial responde ao interese do executivo local por preservar un espazo de alto valor histórico e patrimonial, símbolo da tradición conserveira e mariñeira de Ribeira. O rexedor quixo agradecer «a boa disposición da empresa para chegar a un acordo beneficioso para ambas partes» e destacou «o excelente estado de conservación no que se mantivo este edificio grazas ao coidado e compromiso da familia Cerqueira».

Segundo explicou Pérez Barral, o inmoble «converterase nun espazo público aberto a toda a veciñanza, no que se poderán desenvolver actividades sociais, culturais, deportivas e económicas». Anunciou tamén que unha parte das instalacións acollerá «un pequeno Museo do Mar, destinado a poñer en valor o sector pesqueiro, a industria conserveira e as embarcacións tradicionais».

Pérez Barral tivo tamén palabras de recoñecemento e agradecemento para a asociación veciñal e cultural Bandourrío, «que sempre defendeu que esta nave debía ter un uso público e que fixo un labor moi importante para sensibilizar á veciñanza sobre o seu valor patrimonial e histórico». Indicou que unha parte dos 6,5 M€ dos fondos europeos conseguidos polo Concello destinaranse á rehabilitación e posta en valor deste patrimonio industrial, seguindo criterios de sustentabilidade e respecto pola estética tradicional.

Manuel Aldao valorou positivamente a compra por parte do Concello. «Para nós é unha satisfacción que isto se preserve e que poidamos recordar a historia de onde vimos». Salientou o feito de que a veciñanza poida gozar destas instalacións, «e seguramente haberá multitude de cousas que se poidan programar nela», afirmou.

Tracking Pixel Contents