MEDIO AMBIENTE
Denuncian verteduras na praia da Raposiña, na Pobra
A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa puxo os feitos en coñecemento da Xunta

Verteduras de cor branca na contorna da Raposiña, na Pobra. / Cedida
A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) remitiu á Consellería do Mar e a Augas de Galiza sendas denuncias do sector pesqueiro e marisqueiro pola detección de verteduras entre o 29 de setembro e o 3 de outubro na praia da Raposiña, da Pobra do Caramiñal.
O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, sinalou que teñen constancia por parte do sector de que estas verteduras «realízanse pola noite e polo seu aspecto poden ser presuntamente o resultado da limpeza de instalacións de transformación de alimentos».

Verteduras detectadas por profesionais da pesca e do marisqueo na Pobra. / Cedida
Asegurou que na semana do 29 de setembro ao 3 de outubro «foron visualizadas unha grande cantidade de nubes flotantes brancas» que eran máis densas nas proximidades da devandita praia e que «ían dispersándose ata a entrada do porto da Pobra».
Segundo consta na denuncia o episodio de contaminación «foi especialmente intenso» o 3 de outubro arredor das 05.00 horas.
Plan extraordinario
Diante destas verteduras, a PDRA exixiu á Consellería do Mar a posta en marcha dun Plan de actuación extraordinario de seis meses de duración. Demandan que se comprobe a presenza destas verteduras recorrentes en horario nocturno (entre 00.00 e 06:00 horas), nas saídas dos emisarios das verteduras das fábricas e nas súas proximidades. Tamén reivindican, de acordo coa normativa vixente, que a Xunta «contemple visitas periódicas de inspección a aquelas empresas que limpan periodicamente as súas instalacións polas necesidades específicas da súa produción».
Noutro escrito dirixido o pasado 7 de outubro ao director de Augas de Galicia, a PDRA advirte que este é «un fenómeno recorrente na costa da ría de Arousa e lembran que a lei establece «que é competencia de Augas de Galicia o exercicio de funcións de policía de vertidos desde terra ás augas do litoral». Denuncian ademais que «non se cumpre co principio de quen contamina paga, o que supón na práctica que en Galicia sae máis barato contaminar e incluso botar directamente ao mar que ter as depuradoras a punto».
Coordinación e recursos
A PDRA exixe «coordinación» de Augas de Galicia coa Consellería do Mar e demanda «os recursos humanos, materiais e técnicos necesarios para controlar eficazmente as verteduras e terra ao mar na ría de Arousa».
O portavoz da plataforma, Xaquín Rubido, subliñou que son «o motor dun dos sectores económicos máis importantes do país, e temos que facer de policías de verteduras porque a Xunta non cumpre coas súas obrigas legais».
Técnicos da Xunta acudiron a inspeccionar a zona este martes
A Xunta, a través de Augas de Galicia, confirmou que xa está a inspeccionar a praia da Raposiña e a súa contorna co fin de localizar os supostos vertidos que están afectando a esta zona e, en consecuencia, determinar a súa orixe.
Técnicos do Programa de control de vertidos (PCV) desprazáronse onte ata a zona en resposta «a varios escritos recibidos este martes», indican.
Aseguran que «tan pronto se dispoña de datos concretos sobre o ocorrido, adoptaranse as medidas oportunas e requirirase aos responsable a execución das accións correctoras para emendar o problema, como sempre se fai nestes casos.Tampouco se descartan posibles accións sancionadoras», conclúen.
Lembran que Augas de Galicia xestiona directamente desde hai anos a estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Pobra do Caramiñal, infraestrutura á que dotou da mellor tecnoloxía existente para controlar todo o material que recibe e contribuír así a evitar episodios puntuais provocados por condutas indiscriminadas e illadas pero que fan que o que chega á rede acabe deteriorando o proceso de depuración.
De feito, o PCV ten un longo historial de inspeccións e de seguimento deste tipo de episodios no concello, un labor que unido aos investimentos realizados pola Xunta na zona teñen contribuído a mellorar a situación e a reducir os vertidos á ría de Arousa.
- El peaje Santiago-Vigo pasará de 12,5 euros desde enero y hasta a A Coruña costará 8,8
- Los ríos de Santiago multiplican su caudal por diez en cuatro horas: 'Subiu alomenos cinco metros
- Prime Video desembarca en Santiago para grabar nuevos capítulos de una de sus series de referencia
- Santiago pone fecha a la llegada de la Navidad : del encendido de las luces a los mercados, todo lo que debes saber
- Desalojado el narcopiso de Fontiñas: «Estamos contentos»
- El ADN innovador de Finsa: 'Es uno de los principales usuarios del supercomputador del Cesga
- «Esta fiesta por los 90 años de Capitol es una muestra de orgullo picheleiro»
- Los efectos de Claudia en Santiago: un herido en la AP-9 y varios puntos inundados