Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

Ribeira impulsa o Centro de Deportes Náuticos

A alcaldesa prevé que quede rematado no mes de marzo

A alcaldesa, terceira esquerda, na xuntanza cos representantes da adxudicataria.

A alcaldesa, terceira esquerda, na xuntanza cos representantes da adxudicataria. / Cedida

Ribeira

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, anuncia que o Concello vai impulsar o Centro de Deportes Náuticos, logo de constatar "a situación de parálise na que estaban sumidos moitos proxectos vitais para a veciñanza". Asegura que "somos un concello que mira ao mar, tamén no ámbito do deporte, e resulta necesario progresar na execución deste edificio".

Con este obxectivo, a rexedora, xunto coa concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, e persoal técnico municipal, mantiveron unha reunión de traballo coa empresa adxudicataria da obra, a UTE Xestión Ambiental de Contratas S. L. e Prace, Servicios y Obras S. A.

A próxima semana chegarán as estruturas prefabricadas de formigón para conformar o esqueleto da nave despois de que fose preciso modificar o proxecto por cuestións do terreo que afectaban á cimentación. Deste xeito, estímase que no mes de novembro dispoña das paredes e, en decembro conte con cuberta. Tras esta fase, comezarase a actuar no interior para finalizar a obra, previsiblemente, en marzo.

No que respecta ao equipamento, a mandataria local indica que se contará coa colaboración do Club de Remo para asesorar no material deportivo necesario e idóneo para o correcto desenvolvemento da súa actividade.

A construción consta de 1.156 metros cadrados divididos en dous andares. Na planta baixa habilitarase a zona de almacenamento de embarcacións, o foso de adestramento, a recepción, aseo adaptado e almacén. Doutra banda, na primeira planta situarase o salón multiusos con aula e cociña office, despacho, baño adaptado, vestiarios, ximnasio e almacén. O importe total da adxudicación do contrato é de 1.179.750 euros, IVE incluído.

Tracking Pixel Contents