Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

POLÍTICA

Cinco dedicacións exclusivas e dúas parciais no novo goberno de Ribeira

A alcaldesa, Mariola Sampedro, destaca que se reduce o custo en 36.225 €

Pleno de organización do novo goberno de Ribeira.

Pleno de organización do novo goberno de Ribeira. / Cedida

Ribeira

A Corporación municipal de Ribeira aprobou a organización do novo goberno municipal para o que resta de mandato ata 2027. A alcaldesa, María Sampedro, defendeu que este equipo será "máis económico para as arcas municipais e, polo tanto, para os petos dos ribeirenses, nun compromiso férreo por avanzar en proxectos transcendentes para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas".

Así, o actual goberno terá cinco dedicacións exclusivas (sete tiña o anterior) e dúas parciais, o cal reducirá o custo total en 36.225,14 euros, ao pasar de 281.520,54 a 245.295,4 €. Unha rebaixa que, segundo a rexedora non afectará á capacidade para dar resposta ás demandas e necesidades da veciñanza de Ribeira. A proposta foi aprobada cos 14 votos a favor do PP, PBBI e 1 non adscrito, e as 7 abstencións do BNG, PSOE e 1 non adscrito.

As dedicacións exclusivas corresponden á alcaldesa, María Sampedro; ao primeiro tenente de Alcaldía e concelleiro de Servizos Sociais, Mercados Municipais, Sanidade, Desenrolo Industrial e Parques e Xardíns, Vicente Mariño; á segunda tenencia de Alcaldía e concelleira de Economía e Facenda, Vías e Obras, Herminia Pouso; á terceira tenencia de Alcaldía e concelleira de Cultura, Turismo e Igualdade, Ana Barreiro; e ao concelleiro de Deportes, Innovación e Novas Tecnoloxías, Álex Vidal. Pola súa banda, terán adicacións parciais o concelleiro de Mar, Promoción do Litoral e Festexos, Fernando Abraldes; e o concelleiro de Medio Ambiente e Iluminación Pública, Víctor Reiriz.

"Este novo equipo supón unha importante rebaixa no custe das dedicacións. Repito: son mais concelleiros a traballar para os veciños e veciñas de Ribeira, pero menor custo para as arcas municipais", manifestou a voceira do PP, Ana Barreiro. Tamén o portavoz do PBBI, Vicente Mariño, subliñou que "este é un goberno que resulta máis económico para os petos dos nosos veciños, pero con gran capacidade de acción para resolver os problemas do día a día".

Ante a perspectiva da oposición de que no anterior executivo había una dedicación exclusiva para unha área significativa como é Servizos Municipais, a alcadesa, María Sampedro, explicou que non haberá só unha persoa á fronte desta área, senón dúas ao dividirse Limpeza Viaria e Iluminación Pública en dous edís, un deles con dedicación parcial.

Tamén se aprobou cos votos favorables a contratación de persoal eventual para o departamento de Comunicación Institucional e para secretaría de Alcaldía ao igual ca nos anteriores mandatos, pero equiparando os salarios.

Tenencias de Alcaldía

Outro dos puntos que saíu adiante foi o das tenencias de Alcaldía. Vicente Mariño ostentará a primeira, Herminia Pouso, a segunda, e Ana Barreiro, a terceira. No que a concellerías respecta, a alcaldesa, María Sampedro asumirá Urbanismo, Contratación, Seguridade Cidadá e Mobilidade, Unidade de Condutas Aditivas (se ben a UCA pasará a ser asumida en próximas datas por parte do Servizo Galego de Saúde) e Persoal; Ana Barreiro, de Cultura, Turismo e Igualdade; Álex Vidal, de Deportes, Innovación e Novas Tecnoloxías; Emilio Pérez, de Limpeza Viaria; Vicente Reiriz, de Auga e Saneamento; Víctor Reiriz, de Medio Ambiente e Iluminación Pública; Ramón Doval, de Relacións Institucionais; Carmen Pérez, Promoción Económica, Emprego e Consumo e Xuventude; Eladio Muñiz, de Xestión e Relacións Veciñais no Medio Rural e Benestar Animal; Juana Brión, de Educación, Formación e Promoción da Lingua; Vicente Mariño, de Servizos Sociais, Mercados, Sanidade, Desenrolo Industrial e Parques e Xardíns; Herminia Pouso, de Economía e Facenda, Vías e Obras; e Fernando Abraldes, de Mar, Promoción do Litoral e Festexos.

A Xunta de Goberno Local estará composta pola alcaldesa María Sampedro, e os edís Vicente Mariño, Herminia Pouso, Ana Barreiro, Emilio Pérez, Juana Brión, Carmen Pérez e Eladio Muñiz. En canto á nova Mesa de Contratación, estará integrada, por Herminia Pouso, en calidade de presidenta, e Ana Barreiro, quen, ao ser a suplente, exercerá cando non asista a titular. Tamén haberá catro traballadores municipais como vogais e secretario,

Abrir a porta a vellas prácticas

Respecto á composición da nova Mesa de Contratación, o portavoz do BNG, Luís Pérez, advertiu de que a decisión de introducir novamente cargos políticos, aínda sendo legal, "é pouco ética e erosiona a transparencia dun Concello que fora exemplo de bo goberno".

Cualificou a decisión de “retroceso grave e perigoso” e advertiu de que, aínda que a Lei de Contratos do Sector Público permite a presenza de membros electos en mesas de contratación no ámbito local, non o obriga nin o recomenda, e prohíbe expresamente esa práctica en todas as demais administracións públicas.

“O goberno do BNG optara por un modelo profesionalizado e transparente, no que a Mesa estaba formada exclusivamente por persoal técnico, o secretario, o interventor e funcionarios con habilitación suficiente. Fixémolo así porque queriamos garantir a máxima independencia e evitar calquera sombra de sospeita”, recordou Pérez Barral.

“A pregunta é simple: para que queren meter un político nun espazo que debe ser técnico, obxectivo e libre de interferencias políticas? Que achega un cargo electo a un órgano que debe funcionar con criterios profesionais?”, cuestionou o portavoz nacionalista.

Segundo o BNG, esta decisión abre unha porta que nunca debera abrirse, pois “é nese tipo de decisións onde comezan as malas prácticas que logo rematan en desviacións orzamentarias, adxudicacións polémicas ou relacións pouco claras entre políticos e empresas”. Os nacionalistas entenden que "marca un cambio de rumbo e un regreso ás vellas formas".

TEMAS

Tracking Pixel Contents