Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

POLÍTICA MUNICIPAL

Compromiso pide a saída do goberno de Outes do exsocialista Antonio Caamaño

Di que a expulsión definitiva do PSOE confirma a "súa condición de tránsfuga"

Imaxe de arquivo de Antonio Caamaño nun acto do PSOE.

Imaxe de arquivo de Antonio Caamaño nun acto do PSOE. / Cedida

Noia

O grupo municipal de Compromiso Outes solicitou mediante un escrito dirixido á alcaldía, a retirada de tódalas competencias de goberno do exedil socialista Antonio Caamaño, logo de que o luns "chegara por rexistro ao Concello a resolución da Comisión Federal de Ética e Garantías do PSOE pola cal a expulsión do partido xa é firme".

Segundo sinalan, a firmeza da expulsión implica que o concelleiro pasa automaticamente á condición de "non adscrito", debendo abandonar o Grupo Mixto do que actualmente forma parte. Do mesmo xeito, engaden, "coa expulsión xa firme ratifícase a súa condición de tránsfuga, ao ter tomado a decisión de apoiar a moción de censura que fixo alcalde ao popular Francisco Calo en contra do criterio de tódolos órganos do PSdG-PSOE". 

Unha situación que, segundo sinalan dende Compromiso, "conleva, a súa vez, que este concelleiro non pode asumir ningunha delegación nin formar parte do goberno, pois non debe mellorar a situación na que se atopaba no momento de asinar a moción de censura".

Lembran que Antonio Caamaño abandonara o grupo de goberno varios días antes da presentación da moción, anunciando que pasaría á oposición, "polo que calquera mellora sobre esa situación sería contraria á lei". Nese sentido, engaden "o informe elaborado pola secretaría do concello é moi claro, polo que o señor Calo debe cesar de inmediato ao concelleiro tránsfuga. Do contrario, estaría desobedecendo un informe dos servizos xurídicos do concello, algo que é moi serio", apuntaron. 

O edil Antonio Caamaño asegura que, "polo momento, non recibín comunicación oficial do partido e, ata que reciba a notificación, non vou pronunciarme ao respecto".

O PP á espera

A dirección provincial do Partido Popular asegura que coñeceu este mércores a expulsión de Antonio Caamaño como concelleiro do PSOE. "Estamos á espera de que sexan os órganos locais competentes quenes fagan unha valoración sobre o asunto antes de pronunciarnos ao respecto”.

O alcalde, Francisco Calo, sinalou que os servizos xurídicos municipais "teñen moitos temas enriba da mesa e cando proceda farase unha valoración e adoptaranse as medidas oportunas". Polo momento, engadiu, "seguimos a traballar con normalidade".

Tracking Pixel Contents