Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

EDUCACIÓN

A Xunta di que o colexio Alexandre Rodríguez de Noia supera o profesorado "que lle corresponde"

O conselleiro sinalou no Parlamento que este curso reforzouse o cadro de persoal

Concentración de pais e nais diante do Concello de Noia o pasado mes.

Concentración de pais e nais diante do Concello de Noia o pasado mes. / Cedida

Noia

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reiterou hoxe no Parlamento que a Xunta reforzou este curso o cadro de persoal do Colexio Plurilingüe Alexandre Rodríguez Cadarso, de Noia, para atender as necesidades do seu alumnado. En concreto, detallou que o centro conta a día de hoxe con 22,5 docentes, "isto é, 4,5 por riba do que lle corresponde pola súa tipoloxía e número de aulas".

Explicou que todas as unidades do centro cumpren coas ratios máximas establecidas e que, cos 217 alumnos matriculados, hai 9,6 alumnos por cada docente. En aplicación da ponderación do alumnado con necesidades educativas especiais, medida impulsada en exclusiva pola Xunta en España, "o centro recibiu este curso un importante reforzo, de ata o 25% do seu cadro de persoal", a través do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia. "É o propio colexio o que, dentro da súa autonomía pedagóxica, organiza estes recursos (en desdobres, por exemplo) da forma máis eficiente para ofrecer a máxima calidade", afirmou.

En concreto, no que atinxe á atención á diversidade, o centro conta con dous especialistas en Pedagoxía Terapéutica a tempo completo e outro compartido, cando por catálogo lle correspondería un. No caso dos especialistas en Audición e Linguaxe, pola súa tipoloxía de centro non tería asignado ningún, pero no marco dos devanditos reforzos conta con dous a tempo completo. Fóra do persoal docente, o colexio ten na actualidade dous coidadores a xornada completa.

Ademais, o centro conta con catro mestres de Infantil, sete de Primaria, un de Francés, un de Música, un orientador, dous especialistas en inglés e outros dous en Educación Física (un por riba de catálogo).

Cada curso procuramos mellorar a asignación destes recursos e procuramos resolver o antes posible calquera tipo de incidencia ou desaxustes”, sinalou o conselleiro, lembrando que Galicia conta cunha rede de máis de 5.000 profesionais especializados na atención á diversidade, o dobre que hai 15 anos.

Así mesmo, puxo en valor que Galicia ten hoxe máis profesores que nunca no sistema, un total de 31.756 (150 máis que o ano pasado), a pesar de ter 4.255 alumnos menos este curso.

Tracking Pixel Contents