Ribeira sobe o pano do festival Cultural Expandido ao ritmo de Fran Sieira
Artes escénicas, danza, videoxogos, literatura, audiovisual e música integran a programación, con propostas para todos os públicos

Fran Sieira, durante o obradoiro de danza co que comezou a programación do Culturgal Extendido en Ribeira. / Moncho Fuentes
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, participou este sábado na inauguración do Culturgal Expandido, que convertiu o auditorio municipal en epicentro de difusión da cultura galega durante toda a xornada e que se prolongará ata este domingo.
Fran Sieira, Quico Cadaval, Antonio Piñeiro, Nan Îllonia, Os Liantes, Lau Panicanela, Chus Blanco ou Susana Sampedro son algúns dos artistas e creadores locais que achegan o seu talento ao abeiro desta axenda. Artes escénicas, danza, videoxogos, literatura, audiovisual e música integran a programación, con propostas para todos os públicos.
Durante a apertura do evento, a rexedora enxalzou "o gran talento dos ribeirenses; un bo facer que ten garantía de presente e de futuro nas distintas disciplinas como podemos comprobar no programa e que son só unha mostra de todo o que teñen que aportar os nosos veciños á cultura".

Natividade González, esquerda, e María Sampedro, na inauguración; detrás, Vicente Mariño e Fernando Abraldes. / Cedida
"Se de algo pode presumir o noso municipio é de gozar dunha gran vitalidade cultural a través de profesionais, como os que temos presentes no Culturgal, como das asociacións culturais", engadiu.
Á inauguración tamén asistiron a deputada provincial de Cultura, Natividade González; o presidente de Culturgal, Víctor López; o primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño; a concelleira de Cultura,
Ana Barreiro; o edil de Festexos, Fernando Abraldes; e outros membros da Corporación municipal.
Unha representación de artistas locais participará no escenario principal do Culturgal, en Pontevedra, os días 28, 29 e 30 de novembro, converténdose Ribeira na convidada especial desta edición.
Programa de actos
O cartel comezou este sábado co obradoiro Mediación. Un baile ceibe en comunidade, con Fran Sieira, ás 10.00 horas, para dar paso, ás 12.00 horas, ao espectáculo infantil O lobo feliz, a cargo de Miguel Guido.
A programación continuou co taller Pensa o teu guión de videoxogo, ás 13.00 horas, mentres que, xa pola tarde, Sonia Díaz e Marga Tojo protagonizarán un Club de Lectura coa sesión Sarela.
A literatura prosegue cunha conversa de Ana Liste con Sandra Lodi e Laura Suárez, Premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña, ás 18.00 horas.
As artes escénicas volverán ser protagonistas con Federico Pérez Rey e Xa que o sabes, voucho contar (e cantar), ás 19.00 horas, e tamén será momento de gozar da danza con Fran Sieira e Un baile ceibe en comunidade, ás 20.00 horas. A proxección de O Apóstolo, de Fernando Cortizo, ás 21.00 horas, marcará o fin da xornada.
A programación do domingo 26 arrancará coa función infantil Contamos contos de lobos?, ás 12.00 horas, con Ghazafellos. A rapazada terá tamén ocasión de gozar da música con O rap do coello fedello, de Irene Alonso Gasalla, ás 13.00 horas.
Ás 17.00 horas desenvolveranse simultaneamente o obradoiro Foley: sons do cinema, con Alba Pego, e o coloquio con Antonio Piñeiro, Irene Montero e Manuel Esteban, premiados do Cidade Centenaria de Ribeira, moderado por Chus Blanco.
Deseguido, ás 18.00 horas, Quico Cadaval achegará a sesión Fantasmas familiares, para poñer o broche de ouro coa música de Nan Îllonia, Os Liantes, Lau Panicanela, XeVA & Mon-O, con Susana
Sampedro como mestra de cerimonia, ás 19.00 horas.
Agás para os obradoiros, a entrada é libre ata completar a capacidade dos diferentes espazos que conforman a instalación municipal.
- Una bodega gallega se cuela entre las 100 mejores del mundo para visitar
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana
- Urovesa entregará en 2026 los primeros prototipos del blindado VERT destinados al Ejército
- Entra en vigor el encierro de aves de corral en 40 concellos por la gripe aviar
- Santiago calienta motores para el 'As Cancelas Music Fest' con Nena Daconte, Cepeda, Ortiga y Menta Poleo
- El peaje Santiago-Vigo pasará de 12,5 euros desde enero y hasta a A Coruña costará 8,8
- Vuelca un coche en la AG-56 a la salida de la autopista en Santiago
- Renfe anuncia la cancelación de trenes entre Ourense y Santiago por unas obras en diciembre