Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Carnota estrea un renovado auditorio, máis amplo e con moderno equipamento

Acondicionouse a platea, dotouse de nova instalación eléctrica e sistema contra incendios e melloráronse a acústica, a accesibilidade e a eficiencia enerxética

Pola esquerda, Mónica Rodríguez, Juan Manuel Saborido, Valentín González e Mercedes Noceda, nas butacas no renovado auditorio de Carnota.

Pola esquerda, Mónica Rodríguez, Juan Manuel Saborido, Valentín González e Mercedes Noceda, nas butacas no renovado auditorio de Carnota. / Cedida

Carnota

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este luns o concello de Carnota, acompañado do alcalde, Juan Manuel Saborido Rama, da deputada Mónica Rodríguez e da tenente de alcalde, Mercedes Noceda, para comprobar o resultado das obras xa rematadas do novo auditorio municipal do Viso, unha actuación moi esperada que dota o municipio dun espazo escénico moderno e versátil para dinamizar a súa vida cultural.

O novo auditorio conta con 230 butacas e é unha das 45 obras financiadas en Carnota polo Plan Único da Deputación, o principal programa de cooperación municipal da provincia. O investimento total ronda os 300.000 euros, dos que a Deputación achegou un 80% e o Concello o 20% restante.

O presidente provincial destacou que “esta infraestrutura cultural converte Carnota nun referente da vida cultural da Costa da Morte e exemplifica o impacto real do Plan Único, que permite aos concellos acometer proxectos transformadores que melloran o benestar da veciñanza e neste caso, a vida cultural do municipio”.

Formoso subliñou que “un dos grandes valores desta obra non é só a súa compoñente técnica, senón o seu significado simbólico: Carnota non dipoñía dun auditorio e agora conta por fin cunha sala digna e completamente equipada para ofrecer teatro, concertos e incluso programacións de gran formato”.

Pola súa parte, Juan Manuel Saborido agradeceu o apoio da Deputación e afirmou que “este auditorio responde a unha antiga demanda da veciñanza e das asociacións culturais locais, e marcará un antes e un despois na oferta cultural do municipio”.

A intervención no centro cultural do Viso completou o acondicionamento da platea e a dotación dunha nova instalación eléctrica e de iluminación escénica, así como dun sistema de seguridade e protección contra incendios.

Tamén se realizaron melloras de acústica, accesibilidade e eficiencia enerxética, convertendo o auditorio nun espazo moderno, seguro e multifuncional, preparado para acoller obras de teatro, concertos, recitais, cine e actividades sociais ou educativas.

O Concello de Carnota traballa xa nunha programación especial de Nadal coa que estreará o novo espazo, que se converterá nun dos principais motores da vida cultural local.

Durante a súa visita a Carnota, o presidente da Deputación e o alcalde visitaron tamén o Hotel Meiga do Mar, onde foron recibidos pola xerente do establecemento, Mónica Cambeiro.

O hotel, situado a poucos metros da praia de Carnota, é un establecemento de tres estrelas que se consolidou nos últimos anos como referente do novo modelo turístico do municipio, baseado no turismo sostible, de proximidade e de calidade.

Valentín González e na visita ao Hotel

Valentín González e Mónica Cambeiro na visita ao Hotel Meiga do Mar. / Cedida

O Hotel Meiga do Mar recibiu este ano 30.000 euros a través do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, mediante dúas liñas de axuda que lle permitiron contratar a unha persoa e investir en melloras nas instalacións. Trátase dunha das 156 axudas PEL concedidas no municipio de Carnota durante a última década, dentro deste programa provincial de apoio ao emprendemento e á creación de emprego.

Formoso destacou que “iniciativas como esta demostran o potencial do turismo responsable na Costa da Morte e a capacidade do empresariado local para innovar e xerar emprego estable. É unha gran satisfacción ver como as axudas do PEL contribúen a crear emprego e a facer crecer os pequenos negocios”.

O establecemento conta ademais co único spa existente no municipio, o que lle permite atraer visitantes máis alá da tempada estival, reforzando o turismo durante todo o ano. En 2024 recibiu a certificación Q de Calidade Turística, outorgada polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), que acredita a excelencia dos seus servizos e a súa aposta pola mellora continua.

Tracking Pixel Contents