Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Jealsa renova o seu compromiso con Amicos a prol da inclusión

O acordo garante, entre outras cousas, a continuidade da unidade de apoio e estimulación sensorial da entidade

Xoán España e Margarita Hermo tras a sinatura do acordo.

Xoán España e Margarita Hermo tras a sinatura do acordo. / Cedida

Boiro

O Centro de Atención Integral da asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos, ubicado en Boiro, acolleu o acto de renovación do convenio de colaboración entre a entidade e a conserveira Jealsa. Con esta renovación, amplíase un ano máis o compromiso entre ambas as entidades, que levan máis dunha década traballando en equipo co obxectivo de facilitar a integración das persoas con discapacidade na sociedade, tanto a nivel vital como laboral.

No acto estiveron presentes a directora de Relacións Institucionais de Jealsa, Margarita Hermo, e o director xeral de Amicos, Xoán España, quenes realizaron un balance moi positivo destes anos

de colaboración.

A través deste convenio, Jealsa e Amicos seguen impulsando a formación prelaboral de persoas con discapacidade intelectual, así como incrementando as oportunidades e apoios dirixidos a

persoas con grandes discapacidades, tanto a través da Fábrica Social de Amicos como dos seus talleres prelaborais.

Outro eixo clave desta colaboración céntrase na infancia, coa posta en marcha de proxectos de integración escolar de nenos con discapacidade e iniciativas de sensibilización social como os

programas Badaboom e Festiritititi.

Ademais, o acordo garante a continuidade da unidade de apoio e estimulación sensorial do centro.

Xoán España destacou que “contar co apoio de Jealsa é un verdadeiro impulso para nós. Non só nos axuda a seguir adiante internamente, senón que tamén axuda a crear un futuro máis inclusivo, onde as persoas con discapacidade sexan protagonistas da súa propia historia. Jealsa é un exemplo brillante de compromiso e solidariedade”.

Pola súa banda, Margarita Hermo subliñou que “Jealsa, a través do noso programa de RSC WESEA, leva máis dunha década traballando con Amicos para impulsar a formación e as oportunidades das persoas con discapacidade. A nosa alianza con Amicos non só reforza o noso compromiso coa inclusión, senón que nos anima a seguir construíndo xuntos un futuro máis xusto e solidario para todos. Para nós a responsabilidade social é parte esencial da nosa forma de entender a empresa e a súa relación coa comunidade”.

Jealsa é unha empresa familiar fundada en 1958 por Jesús Alonso Fernández, adicada na súa orixe á fabricación e comercialización de conservas de pescado e marisco. Na actualidade, tras máis de 65 anos de actividade, Jealsa é un dos principais produtores a nivel mundial grazas á súa forte aposta pola innovación e a diversificación.

A compañía está integrada por diversas sociedades englobadas en tres divisións: alimentación, valorización e enerxía.

Acerca de We Sea

We Sea é o programa de Responsabilidade Social Corporativa de Jealsa, que engloba todas as accións da compañía en materia de sostibilidade e define á perfección o compromiso activo que

implica a toda a corporación. Comprende así todo o traballo e investimento realizados por Jealsa para garantir una sólida e decidida actuación a favor da sostibilidade a distintos niveis.

O programa We Sea de Jealsa articúlase en torno a cinco eixos de actuación: a pesca e compra responsable, as políticas de calidade, a aposta polas enerxías renovables e o medio ambiente, o compromiso social e o insvestimento en I+D+i para o desenvolvemento dunha economía circular.

Amicos é unha organización sen ánimo de lucro que busca xerar oportunidades e ofrecer apoios ás persoas con discapacidade intelectual, trastornos do espectro autista, e parálise ou dano cerebral, así como ás súas familias.

Con este obxectivo, traballa para conseguir a inclusión de cada persoa como cidadán de pleno dereito e apoiar os seus proxectos de vida, así como para promover a construción dunha comunidade diversa con conciencia ambiental e respectuosa co seu patrimonio e cultura.

A entidade desenvolve a súa actividade cun modelo de intervención no que as persoas, familias e a comunidade ocupan o centro. Para iso conta con persoas, medios, recursos económicos e alianzas para o seu desenvolvemento efectivo.

Tracking Pixel Contents