Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Deputación coruñesa financiará o 80% da renovación do céspede do campo de Cabanetán, en Lousame

Yésica Fernández tomou posesión como concelleira do PP en susbtitución de Teresa Villaverde

Yésica Fernández tras tomar posesión como concelleira do PP.

Yésica Fernández tras tomar posesión como concelleira do PP. / Cedida

Lousame

A unanimidade presidiu a sesión plenaria extraordinaria deste martes en Lousame, pois todos os puntos da orde do día foron aprobados co apoio dos tres grupos municipais. Unha sesión que comezou coa toma de posesión de Yésica Fernández Miguéns como concelleira do grupo municipal do Partido Popular, en substitución de Teresa Villaverde.

O pleno tamén aprobou destinar a gasto corrente os 180.095,85 euros do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+ Adicional 4/2025. O alcalde, Esteban Ares, explicou que “61.000 euros destinaranse a alumeado público e os 119.095,85 euros restantes destinaranse á mellora de accesos á núcleos de poboación”.

Acto seguido, aprobouse solicitarlle á Deputación da Coruña unha subvención nominativa polo 80% do custo da renovación do céspede artificial do campo municipal de fútbol de Cabanetán (Lesende). Unha petición que chega despois de que a Deputación aprobara o pasado mes de xullo a concesión da subvención.

Tras revisar o proxecto e toda a documentación presentada, a Deputación suxeriu a necesidade de que a petición fora aprobada tamén polo pleno municipal, algo que tivo lugar nunha sesión extraordinaria o pasado 7 de outubro para axilizar o proceso, xa que o Concello non recibira petición oficial.

Unha petición que chegou a semana pasada, coa indicación de que o acordo tiña que especificar que a solicitude se facía polo 80% do custe do proxecto e non polo 100%. A pesar de que o ente provincial ten a capacidade de conceder unicamente o 80% do solicitado, “para non darlle máis voltas e que isto avance xa”, segundo explicou o alcalde, volveuse levar a pleno, sendo novamente aprobado por unanimidade dos tres grupos municipais.

Deste xeito, a Deputación achegará o 80% do custe do cambio de céspede no campo municipal de Cabanetán, orzamentado en 204.781,14 euros. Isto significa que o ente provincial achegará 163.824,91 euros, mentres que o Concello de Lousame terá que aportar os 40.956,23 euros restantes.

Uns cartos que o Concello de Lousame agarda financiar a través dunha axuda do Fondo de cooperación para o apoio á financiación de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes que convoca o Instituto Galego da Vivenda e Solo. Unha solicitude que foi aprobada polo pleno e que, de concederse, cubriría eses 40.956,23 euros e que poderían devolverse en 8 anos e a interese cero.

Porén, como a resposta do IGVS non chegará antes do mes de novembro, o Concello aprobou a maiores un expediente de modificación de crédito por ese mesmo importe con cargo ao remanente líquido de Tesourería.

“Isto é debido a que a Deputación esixe que o Concello demostre que ten crédito para cubrir o 20% da nominativa, polo que, para non atrasar a tramitación e presentar ese xustificante, imos aprobar este expediente de modificación de crédito”, explicou Esteban Ares, quen puntualizou que “isto é so un trámite, pois a intención non é que vaia con cargo ao remanente e cando se acade o financiamento con cargo ao IGVS, esta modificación de crédito quedará automaticamente anulada sen necesidade de novo acordo plenario”.

Finalmente, o pleno aprobou unha transferencia de crédito de 10.912 euros e un recoñecemento extraxudicial de crédito polo mesmo importe para o pago de facturas presentadas en 2025 pero correspondentes a servizos prestados en exercicios anteriores.

TEMAS

Tracking Pixel Contents